O polo galego de drons estará na feira mundial máis relevante do sector

mércores, 24 de abril do 2019 Redacción

O proxecto Civil UAVs Initiative, dirixido a crear un Lugo un potente e referencial polo de deseño, desenvolvemento e creacións de tecnoloxías ligadas aos avións non tripulados, vai participar na principal feira do mundo da industria dos drons, a feira Xponential 2019 de Chicago. Até alí desprazaranse os responsábeis da Axencia Galega de Innovación (Consellería de Economía), impulsora da iniciativa, que estará acompañada das multinacionais Indra, Babcock e Boeing, socias da Xunta no proxecto, e das empresas galegas Marine Instruments, Ceres, Cartogalicia, Proyestegal, Análisis y soluciones de ingeniería, Aerolugo, Cinfo, Centum, Soluciones y sistemas de información (Sixtema). Ás devanditas firmas súmanse a presenza dos centros tecnolóxicos Gradiant e ITG.
A participación da Civil UAVs Initiative no dito acontecemento mundial enmárcase no seu plan de internacionalización, que ten por obxectivo xerar novas oportunidades de negocio aos axentes implicados na CUI e emprazar Galicia como un polo de referencia internacional no segmento dos vehículos non tripulados para uso civil. Ademais, darase a coñecer a BFAero, a aceleradora especializada no sector aeroespacial, cuxo obxectivo é crear e acelerar compañías innovadoras na cadea de valor do sector en Galicia con capacidade para captar, atraer e reter talento.
Segundo informa GAIN, a feira Xponential constitúe “o principal punto de encontro a nivel internacional para o sector dos sistemas non tripulados aéreos, terrestres e marítimos”. Organizada pola Asociación para Sistemas Non Tripulados Internacional (AUVSI, nas súas siglas en inglés) acada este ano a súa 47 edición. Na última visitaron o evento 8.500 persoas e contou con máis de 700 expositores. Dende a axencia valoran a presenza do proxecto galego no evento como “unha excelente oportunidade para que as empresas establezan contactos comerciais, colaboracións tecnolóxicas, así como coñecer as tendencias e o futuro desta industria”.
A participación galega na feira consistirá nunha área propia duns 15m2 dentro do Espazo España que coordina o ICEX (dependente do Ministerio de Industria, Comercio e Turismo), cuxo custo será asumido polas empresas Indra e Babcock, así como a asistencia doutras dez empresas galegas e dous centros tecnolóxicos. As PEME galegas contan co co-financiamento do IGAPE, a través do Plan FOEXGA, para custear os gastos de asistencia. En total, a delegación da CUI estará formada por unhas 30 persoas.

PUBLICIDADE