O premio á mellor iniciativa empresarial da Deputación da Coruña repartirá 75.000 euros

martes, 15 de decembro do 2020 Redacción

JPEG - 34.2 KB
Valentín González, presidente da Deputación da Coruña

A Deputación da Coruña vén de convocar a cuarta edición do Premio Provincial á Mellor Iniciativa Empresarial (PEL-EPR PREMIO), un galardón incluído entre as accións de incentivos á calidade e á innovación da idea empresarial do Plan de Emprego Local (PEL) co que se pretende recoñecer, visualizar e promover “o valioso traballo realizado polas pequenas e medianas empresas, microempresas, autónomos/as, concellos e asociacións empresariais da provincia da Coruña”, así como amosar o seu apoio nesta situación excepcional que estamos a vivir.
Concederanse un total de cinco galardóns por un importe total de 75.000 euros outorgándose 15.000 euros a cada categoría. As tres categorías dirixidas a pemes, microempresas, profesionais individuais e autónomos/as son as seguintes:
1ª Categoría. Premio á mellor iniciativa empresarial nova. Para pequenas e medianas empresas, microempresas e autónomos/as que iniciasen a súa actividade empresarial ininterrompida nas anualidades 2019 ou 2020.
2ª Categoría. Premio á mellor iniciativa empresarial consolidada. Para pequenas e medianas empresas, microempresas e autónomos/as que comezasen a súa actividade empresarial ininterrompida durante a anualidade 2015 ou con anterioridade.
3ª Categoría. Premio á mellor iniciativa innovadora na loita contra a COVID-19. Para pequenas e medianas empresas, microempresas, autónomos/as e concellos que a través da súa actividade innovadora axudasen a frear a expansión da COVID-19, investigaran unha posíbel cura e/ou contribuísen dalgún xeito a paliar os danos, efectivos e colaterais, ocasionados pola pandemia.
A participación só poderá realizarse mediante a presentación telemática da documentación, a través da plataforma Subtel.
O prazo de presentación de candidaturas ficará aberto ata o 8 de xaneiro de 2021 ás 14.00 horas.
Podemos consultar as bases na páxina web do premio provincial á mellor iniciativa empresarial.

PUBLICIDADE