O programa Inspira STEAM, coordinado por Verónica Bolón (CITIC), esperta vocacións científicas na Coruña
mércores, 21 de xuño do 2023
O
programa educativo Inspira STEAM, promovido pola Universidade de
Deusto e coordinado na Coruña pola investigadora Verónica Bolón do
CITIC da Universidade da Coruña, celebrou
este mércores 21 de xuño o peche da edición correspondente a este
curso. Este programa ten como obxectivo “fomentar as vocacións
científico-tecnolóxicas entre os estudantes, especialmente entre as
nenas”. Contou este ano coa participación de catro centros: o IES
Ramón Menéndez Pidal, o CPR Sagrado Corazón Franciscanas, o
Colexio Santo Domingo e o CEIP Teixeiro.
Comezo
en xaneiro
A
nova edición de Inspira STEAM comezou o pasado xaneiro cunha xornada
formativa en liña que tivo unha duración de cinco horas. Nesta
xornada, participaron mentoras e mentores provenientes do ámbito
académico, empresarial e da investigación. A formación foi
impartida por Ander Mimenza Aurrecoechea, un experto en
desenvolvemento organizacional e de persoas.
Unha
vez rematada a xornada formativa, desenvolvéronse seis sesións de
traballo en centros educativos de ensino Primario e Secundario da
provincia da Coruña. Estas sesións tiveron como obxectivos
facilitar referentes de mulleres científicas e tecnólogas ao
alumnado, dar a coñecer as profesións STEAM, sensibilizar e
orientar sobre os estudos en ciencia e tecnoloxía, reivindicar as
mulleres STEAM da historia e concienciar sobre os estereotipos
existentes nestas áreas, coa finalidade de non condicionar as
decisións das nenas e dos nenos.
Nesta
edición, o programa contou tamén coa colaboración da cátedra NTT
Data e do Colexio Profesional de Enxeñaría Informática de Galicia
(CPEIG), o que enriqueceu a experiencia e permitiu un maior alcance e
difusión das actividades realizadas.
“Inspira
STEAM está a ser unha iniciativa moi valiosa no fomento das
vocacións científico-tecnolóxicas entre o alumnado. O compromiso e
a colaboración dos diferentes axentes implicados, así como o
interese e a participación activa dos estudantes, son clave para o
éxito deste programa” segundo explicou a propia Verónica Bolón,
quen recordou que xa está aberto o prazo de inscrición para o
vindeiro ano. Os centros interesados poden formalizar a súa
participación a través de intranet.inspirasteam.net.
As sesións comezarán en xaneiro de 2024.
O programa
O
programa Inspira STEAM (siglas en inglés de Ciencia, Tecnoloxía,
Enxeñería, Artes e Matemáticas) é un proxecto pioneiro para o
fomento da vocación científico-tecnolóxica entre as nenas,
baseado en accións de sensibilización e orientación, que imparten
mulleres profesionais do mundo da investigación, a ciencia e a
tecnoloxía.
A
iniciativa xorde ao detectarse unha carencia crecente de persoas en
profesións científico-técnicas e, sobre todo, do feito de que as
mulleres elixen e desenvolven profesións científico-técnicas en
menor medida que os homes.
Dende
a súa posta en marcha no ano 2016 teñen participado 17.248 rapazas
e 16.384 rapaces, 2.122 mentoras/es e 725 centros escolares en
Euskadi, Madrid, Cataluña, Asturias, Galicia, Murcia, Zaragoza, A
Rioxa, Canarias, Castelló, Chile e Arxentina. No caso concreto da
Coruña, que cumpriu este ano a súa segunda edición, téñense
sumado a esta iniciativa: 111 rapazas e 165 rapaces, 15 mentoras, 5
mentores e 4 centros escolares.