O proxecto AFID permitirá integrar drons autónomos nas plantas de automóbiles

venres, 9 de febreiro do 2024 S. P.

A Universidade de Vigo, xunto con empresas e clústeres industriais, está a desenvolver un sistema que permitirá integrar, por primeira vez, drons autónomos nas plantas de produción de automóbiles. O proxecto, denominado AFID, Autonomous Flying Inspection Device, arrancou en 2023 e estenderase ata decembro de 2025 e foi unha das iniciativas seleccionadas na convocatoria de axudas á I+D+i concedidas pola Axencia Estatal de Investigación, mobilizando unha inversión total de 1.753.700€ con fondos europeos.
A empresa Europrecis lidera o proxecto e os grupos CIMA e Enerxía Eléctrica da UVigo encárganse da investigación xunto con CITMAga e Enxenia e co apoio de ASIME (Asociación de Industrias do Metal e Tecnoloxías Asociadas de Galicia) e Visual Publinet.
O obxectivo do consorcio é “desenvolver un sistema baseado en drons que comproben a conformidade interior dun vehículo nunha liña de produción de automóbiles (OEM) de forma automática e mediante monitoraxe remota”. Deste xeito, o proxecto permitiría integrar por primeira vez UAVs (siglas de vehículos aéreos non tripulados) autónomos pilotados por traxectorias programadas nas fábricas de automoción para que realicen un control de calidade dos compoñentes internos de cada vehículo sen contacto e de forma sustentábel.
En palabras dec Ángel Fernández Vilán, coordinador do grupo CIMA e investigador principal do proxecto xunto con Camilo Carrillo, do grupo EN.E, o proxecto “AFID vai supoñer un avance tecnolóxico sen precedentes, xa que a maioría das empresas do sector aeronáutico ofrecen servizos de inspección unicamente en exteriores e con drons pilotados por operarios; de feito algunha solución no mercado actual para realizar este tipo de controis mediante voos non tripulados, pero ningunha foi quen de facelo en interiores e en lugares de reducidas dimensións, como pode ser un vehículo”.
Para achegar unha solución a este reto tecnolóxico o proxecto aposta por empregar vehículos aéreos non tripulados que incorporan tecnoloxía de Visión Artificial embarcada e integran as últimas tecnoloxías en materia aeronáutica, visión artificial, HPC e Intelixencia Artificial. Os investigadores están xa a desenvolver un modelo de dron de abondo lixeiro para poder adentrarse de forma segura nun vehículo. Ademais, para que estes UAV poidan integrarse nas esixentes cadeas de produción dos fabricantes de automoción, deben poder cargarse de forma ultrarrápida a través de supercondensadores. “Isto permítelles recargar as baterías durante os 10 segundos de parada que existen entre cada vehículo que pasa pola liña de produción, para non provocar adiamentos no proceso”, explican dende o grupo CIMA, engadindo que outra das tecnoloxías que AFID integra nos drons é a Visión Artificial embarcada, que permite captar múltiples imaxes do interior do vehículo para a súa análise en tempo real. Esas imaxes procésanse a través de computadoras HPC de altas capacidades, onde a IA, a través das redes neuronais e a aprendizaxe máquina (Machine Learning), é capaz de adquirir a cabo un coñecemento autónomo para avaliar, en tempo real e sen apoio dun humano, se hai calquera defecto no vehículo.
Na primeira fase do proxecto, os investigadores do grupo CIMA e do grupo de Enerxía Eléctrica realizaron probas con drons comerciais para determinar os requisitos que deben ter os drons AFID no que respecta ás hélices, peso, autonomía da batería ou estabilización. Como resultado deseñaron dous prototipos con software libre, que contan con baterías baseadas en supercondensadores para cargarse en 10 segundos e dar unha autonomía de voo dun minuto, que é o que tarda cada inspección de vehículo.
En paralelo, o Centro de Investigación e Tecnoloxía Matemática de Galicia (CITMAga), impulsado polas tres universidades do SUG, encárgase da estabilización do voo a través de algoritmos matemáticos que corrixan a súa traxectoria. Para isto desenvolveron pórticos que gravan o dron durante a inspección, corrixindo os eixes do voo programado.
Os demais socios están traballando xa na integración real dos vehículos aéreos nas liñas de produción de automóbiles e en como procesar estes datos. Así, a empresa Europrecis está a preparar o armario eléctrico onde se integrará a central que controla o voo e analiza as imaxes obtidas. Europrecis tamén está estudando a correcta iluminación dentro do coche, para que o dron poida realizar o seu traballo de forma óptima. Por último, as empresas Enxenia (Merasys) e Visual Publinet avanzan na adquisición e tratamento de datos, adestrando a través de Machine Learning a IA que analizará as imaxes recollidas polo dron en tempo real para que, se hai algunha non conformidade, enviar unha alerta ao responsable da iña de produción.
Os socios do proxecto teñen previsto que o sistema se integre nunha liña de produción real do sector de automoción no ano 2026.

PUBLICIDADE