O proxecto AI-VIDDA Premio Comunidade CSG en RIES 2025
luns, 27 de outubro do 2025
O proxecto AI-VIDDA, que busca desenvolver solucións tecnolóxicas e biotecnolóxicas para mellorar a calidade de vida das persoas maiores, e no que participan en consorcio cinco empresas galegas, recibiu o pasado mércores 15 de outubro, na gala de entrega de premios do Fórum RIES, o Premio #RIES25 Comunidade CSG, que pon en valor aqueles proxectos máis comprometidos coa Comunidade da Agrupación industrial Saúde de Galicia.
AI VIDDA trátase dunha iniciativa conxunta de investigación aplicada que ten como principal obxectivo o desenvolvemento de solucións tecnolóxicas e biotecnolóxicas que melloren a calidade de vida das persoas maiores desde distintos enfoques, con especial atención á prolongación da autonomía e os anos de vida saudable.
O proxecto, que se enmarca nas Misións de Especialización Intelixente de Galicia e está financiado pola Xunta de Galicia e fondos europeos a través do programa operativo FEDER Galicia 2021-2027, está impulsado por seis empresas: DomusVi (líder do proxecto), Balidea, ADOC, Big Formación, Inova e Hifas da Terra. Cada unha delas achega a súa experiencia en ámbitos como a atención sociosanitaria, a Intelixencia Artificial, a nutrición, a fabricación de dispositivos, a análise de datos ou a transformación dixital.
Segundo explicou María del Carmen López Pérez, responsable da área de Investigación, Desenvolvemento e Innovación de Balidea, “encargámonos de desenvolver axentes conversacionais multilingües especializados en contextos sociosanitarios, con aplicacións orientadas a avaliar a calidade de vida, acompañar, seguir e facer monitoraxe ás persoas maiores, e predicir as necesidades de coidados a partir da análise de interaccións de voz”.
As empresas sinalaron que “a obtención deste premio nun foro internacional de referencia como RIES demostra que imos polo camiño correcto e impúlsanos a seguir traballando neste ilusionante proxecto para a construción dun ecosistema económico e social enfocado en dar resposta ás necesidades reais da poboación maior”.
