O proxecto AVIA (UDC) suma recoñecementos internacionais
venres, 27 de febreiro do 2026
O proxecto AVIA (Algoritmo de Validación de Independencia e Autonomía), xurdido na UDC, e enmarcado dentro do proxecto LABIC, continúa sumando recoñecementos en distintos países polo seu enfoque innovador no coidado das persoas maiores e a aplicación da intelixencia artificial en saúde.
Así, vén de obter a condición de finalista no concurso de innovación do distrito de Shibuya (Tokio), e no Silver Economy Forum de Arxentina.
A maires, acaba de ser seleccionado para expoñerse no Congreso Mundial de Xeriatría e nas Xornadas Informáticas do Hospital Italiano de Bos Aires. O proxecto tamén se probou no Hospital Piñero de Bos Aires, un dos hospitais públicos de referencia da cidade.
AVIA é unha ferramenta que permite predicir a fraxilidade e a perda de autonomía de persoas maiores con ata catro anos de antelación. En palabras da UDC, trátase “dunha iniciativa que é un exemplo de como un proxecto impulsado desde a Universidade da Coruña pode avanzar cara á súa aplicación real e converterse nunha ferramenta recoñecida internacionalmente pola súa contribución ao benestar e á innovación en saúde”.
Desenvolveuse empregando técnicas de intelixencia artificial e funciona a través dunha aplicación web que facilita a prevención, a toma de decisións en saúde e o deseño de políticas públicas baseadas en datos.
Este desenvolvemento naceu no marco do LABIC, o Laboratorio de Innovación Cidadá organizado pola Universidade da Coruña co apoio da Secretaría Xeral Iberoamericana (SEGIB) en 2024. Foi neste espazo colaborativo onde equipos multidisciplinares traballaron conxuntamente para dar forma a unha solución tecnolóxica orientada a mellorar a calidade de vida e a xerar impacto social.
