Situm na vangarda: o proxecto GAIA finaliza tras completar con éxito todas as actividades previstas

luns, 22 de decembro do 2025 S. P.

O proxecto GAIA, impulsado pola firma galega Situm, chegou ao seu remate tras completar con éxito todas as actividades previstas. Financiado polo IGAPE, a Unión Europea–NextGenerationEU e o Ministerio para la Transformación Dixital y de la Función Pública, no marco do Plan de Recuperación, Transformación y Resiliencia, GAIA permitiu avanzar de forma significativa no uso de información xeoespacial en espazos interiores como base para solucións orientadas a contornas operativas e laborais. Os resultados obtidos foron validados en contornas reais e integráronse na evolución da plataforma tecnolóxica de Situm.
O proxecto estruturouse contemplando os seguintes obxectivos: facilitar a creación e actualización de modelos xeoespaciais de edificios sen ferramentas avanzadas; permitir unha xestión eficiente da información asociada a puntos e zonas do espazo, con integración con outros sistemas; garantir o acceso e visualización da información segundo o perfil do usuario, con formatos adaptados e accesibles; e integrar múltiples fontes de datos xeoespaciais, incluíndo información en tempo real.

A evolución de GAIA centrouse en tres áreas:

  • Creación e mantemento de mapas.

    Desenvolveuse un novo editor cartográfico integrado que permite crear e editar planos, POIs, roteiros, geofences e modelos 3D sen ferramentas externas, incorporando automatizacións baseadas en IA para tarefas como o refinamento de grafos de navegación. Inclúe sistemas avanzados de estilado, personalización por edificio e usuario, publicación de datos en tempo real, modo offline máis robusto, así como procesos automáticos de inxesta e normalización de formatos GIS, xeración de planos mediante IA, serving de tiles vectoriais e visualización 3D con altamente optimizados.

  • Contido, automatización e integración.

    A plataforma agora permite xestionar contido enriquecido multilingüe desde un panel centralizado, incorporando entre outras características, tradución automática de POIs baseada en IA. Reforzáronse as capacidades de integración con ERP, BMS, CMMS, GIS e aplicacións móbiles, incluíndo ETLs para consumo de información cartográfica, capacidades de posicionamento sen app móbil, melloras na integración da tecnoloxía en plataformas móbiles, seguimento colaborativo de activos mediante BLE e smartphones, así como melloras de seguridade e optimización do modo offline, reducindo tempos de carga ata un 90%.

  • Experiencia de usuario, AR e accesibilidade.

    O visor incorporou capacidades de procura mellorada baseada en técnicas de matching difuso, cálculo de roteiros optimizado en grandes edificios, modos avanzados de visualización e o primeiro asistente conversacional de Situm baseado en IA. Engadiuse un módulo de guiado en realidade aumentada e implementáronse melloras significativas en accesibilidade, relacionadas co soporte para lectores de pantalla, Text-to-Speech, indicacións paso a paso máis inclusivas e unha interface simplificada para usuarios con baixa destreza dixital.

Contornas reais para a súa validación

Realizáronse seis pilotos en contornas reais complexas, como hospitais, campus universitarios, centros comerciais e resorts, validando a solución en operacións de orientación, loxística, limpeza e atención ao visitante. O feedback foi moi positivo, destacando a facilidade de uso, a estabilidade da navegación, incluída a realidade aumentada, a accesibilidade e a autonomía de xestión, identificándose liñas de mellora futuras.
O proxecto contou coa colaboración de SREC Solutions S.L., especializada en IA aplicada á recuperación de información e asistentes conversacionais, e do CITIC da Universidade da Coruña, que achegou experiencia en optimización e automatización do procesamento de modelos espaciais.