O proxecto galego Situm vai amosar o seu potencial a Silicon Valley
mércores, 5 de novembro do 2014
Seguimos dando conta de
proxectos galegos que salientan no panorama TIC. Desta volta, toca
falar do proxecto Situm, dos galegos
Víctor Álvarez Santos e Adrián Canedo Rodríguez, que veñen de
acadar unha praza para viaxar a Silicon Valley, nos Estados Unidos,
tras alzarse a súa proposta como unha das mellores 24 de todo o
ámbito estatal presentadas ao programa
Yuzz. Máis en detalle, Situm foi elixida a mellor idea do centro
Yuzz Santiago, obtendo a devandita praza para viaxar do 7 ao 12 de
decembro ao devandito complexo empresarial norteamericano,
considerada a meca da innovación TIC.
O programa Yuzz está
dirixido polo Centro Internacional Santander Emprendemento (CISE), co
patrocinio de Banco Santander, a través da súa División Global
Santander Universidades, e a colaboración da Xunta de Galicia.
O xurado seleccionou o
proxecto de Víctor Álvarez Santos e Adrián Canedo Rodriguez, como
o mellor do emprazamento compostelán, situado no Centro de Novas
Tecnoloxías de Galicia, espazo no que desde hai seis meses 20 mozos
emprendedores da cidade traballan na concreción das súas ideas
empresariais. Durante a súa visita a Silicon Valley, os responsables
de Situm poderán visitar o Spain
Tech Center (STC) -impulsado por Banco Santander, ICEX e Red.es-
cuxo obxectivo é facilitar a implantación de PEME de base
tecnolóxica española nesta contorna produtiva.
Segundo informan os
responsables de Yuzz, ao regreso de Silicon Valley, os gañadores
deberán presentar as súas ideas ante un xurado integrado por
representantes de Banco Santander, CISE e entidades colaboradoras do
devandito programa. Seleccionaranse o tres mellores proxectos, que
recibirán unha dotación económica de 30.000, 20.000 e 10.000
euros, respectivamente, para que poidan desenvolvelos.
Polo que respecta a
Situm, sinalar que se trata dunha ferramenta de localización de
dispositivos intelixentes que permite coñecer a posición de
calquera teléfono dentro de calquera edificio (onde o GPS non
funciona). Isto abre a porta para o desenvolvemento de aplicacións e
servizos de xeolocalización para interiores, por exemplo no eido do
guiado de persoas en grandes superficies, na procura de produtos e
tendas en centros comerciais ou para levar a cabo promocións
personalizadas ao dispositivo de cada usuario. Tamén permitiría
facer estudos de comportamento de clientes en tenda ou xerar
información sobre a posición de empregados en tempo real, amais de
achegar a base para a elaboración de audioguías xeoposicionadas
para museos.
