O proxecto galego XESTAL permite tomar as mellores decisións en xestión forestal
mércores, 20 de febreiro do 2019
Este
20 de febreiro celebrouse na Coruña a presentación dun proxecto
para a optimizar a xestión dos recursos forestais. Trátase do
proxecto XESTAL, unha iniciativa que pon en xogo tecnoloxías que
permiten ordenar os bosques e traballar con eles de maneira
sustentábel mediante o seguimento a distancia: teledetección
remota. En XESTAL, que foi dado a coñecer na sede do Instituto
Tecnolóxico de Galicia, participan as empresas galegas
Aeromedia, Cerna, Balidea e Greenalia; así como o devandito ITG e
maila Universidade de Santiago.
O
proxecto, que comezou en xuño de 2018 e rematará en setembro de
2020, está concibido para mellorar procesos clave na xestión de
recursos forestais facilitando información actualizada e de valor
engadido para achegar resultados óptimos na toma de decisións, no
control e na execución das diferentes actuacións que implican os
plans de ordenación forestal (podas, adecuación de pistas, etc.).
Os
devanditos procesos serán posíbeis grazas ao desenvolvemento dun
dron, o UAV Vtol, de á fixa e con capacidade de despegue e aterraxe
vertical. Este aparello aéreo carrexa un sistema de teledetección
embarcado que permitirá a captación de información en alta
resolución, mantendo a máxima autonomía e o mínimo custo. “Ao
utilizar vehículos aéreos non tripulados”, informou o ITG, “as
mostraxes poderanse realizar a baixa altura, polo que a precisión
das imaxes será moito maior; ademais, o custo e tempo de preparación
dun voo non tripulado é moi inferior á dun tripulado”. Amais do
devandito, o proxecto inclúe outro desafío: a reconstrución en 3D
do terreo escaneado a gran velocidade.
Os
resultados de XESTAL diríxense sobre todo ao desenvolvemento de
produtos para a xestión de monte privado e será, ademais, unha
ferramenta valiosa para dar soporte a procesos de sistemas de
certificación forestal, como o FSC ou o PEFC.
As
empresas e entidades integrantes
Aeromedia:
referente en sistemas aéreos pilotados remotamente, ten a vertente
dupla de fabricante e integradora de sistemas embarcados e prestación
do servizo con RPA (automatización robótica de procesos).
Desenvolveu e integrou máis de 40 equipos RPA para distintos usos e
sensores embarcados no últimos tres anos, e ten gran experiencia en
contornas forestais, agrarios e de emerxencias, entre outros.
Cerna
Enxeñaría: consultora que desenvolve a súa actividade no ámbito
da enxeñaría ambiental. Ofrece servizos integrais de xestión
ambiental a empresas e explotacións agroforestais, así como ás
diferentes Administracións Públicas.
Balidea:
enxeñaría de software especializada no desenvolvemento de proxectos
a medida e solucións de xestión de procesos. Empresa do sector das
Tecnoloxías da Información e a Comunicación (TIC), ofrece servizos
de consultoría, desenvolvemento e integración de software e
externalización tecnolóxica.
Greenalia:
Greenalia Forest é a empresa do grupo responsábel da compra aos
propietarios forestais e posterior comercialización dos produtos aos
seus clientes. Actualmente xestiona un volume superior ás 600.000
toneladas ao ano. É un referente peninsular na actividade de
fornecemento de materia prima forestal para diferentes actividades
(celulosa, taboleiro, pellets, aserrado, produción de enerxía
eléctrica, térmica, etc.).
Universidade
de Santiago de Compostela: colabora a través do grupo de
investigación Unidade de Xestión Forestal Sostible, un equipo de
temática forestal que realiza actividades de investigación, así
como traballos e proxectos para empresas e administracións públicas.
Constituíuse a finais do ano 2001 por unha serie de profesores
pertencentes aos departamentos de Enxeñaría Agroforestal, Produción
Vexetal e Proxectos de Enxeñaría, Edafoloxía e Química Agrícola.
As principais liñas de traballo do grupo son o modelado do
crecemento e a produtividade forestal, a biomasa forestal e
plantacións enerxéticas, os chans e a nutrición forestal, a
análise de estruturas de madeira, a sanidade forestal e os incendios
forestais.
Instituto
tecnolóxico de Galicia (ITG): fundación privada sen ánimo de lucro
constituída en 1991 e emprazada na Coruña, recoñecida oficialmente
como Centro Tecnolóxico Nacional. ITG forma parte do consello reitor
da Federación de Centros Tecnolóxicos de España (FEDIT) desde o
ano 2010 e Carlos Calvo, director xeral de ITG, presídea desde o ano
2015, representando os intereses de máis de 3.000 investigadores. O
instituto achega solucións para a mellora competitiva a través de
vehículos e sistemas aéreos non tripulados; tecnoloxías para a
Industria 4.0, información a gran escala (Big Data), Internet
das Cousas, redes de sensores e outras tecnoloxías emerxentes.