O responsable da modernización tecnolóxica de Panamá, de visita no noso país

venres, 2 de marzo do 2012 Raquel Noya

A secretaria xeral de Modernización e Innovación Tecnolóxica, Mar Pereira, reuniuse na mañá de hoxe co xefe de Gabinete do Despacho Superior da Autoridade Nacional para a Innovación Gubernamental de Panamá, a entidade responsable da modernización do devandito Estado, que ao igual que o noso departamento, emprega as Tecnoloxías da Información e as Comunicacións para desenvolver a súa actividade.
Antonio Mola, que así se chama o dirixente, trasladoulle á secretaria xeral os proxectos máis destacados que está a desenvolver o seu departamento, en boa parte segundo afirman dende a Secretaría, “na mesma liña dos que está a realizar a Administración autonómica”, tales como a extensión do servizo de Internet a toda a poboación, o impulso da Administración electrónica e as melloras na atención sanitaria, entre outras cousas.
Mola, que esta tarde participará no XI Seminario TIC para Grandes Empresas e Organismos organizado por Ednon, volverá a encontrarse alí coa súa homóloga no noso país, Mar Pereira, que será a encargada de inaugurar o evento.
Esta cita reunirá en Santiago aos representantes das principais multinacionais do sector tecnolóxico como Microsoft, Intel, Cisco, CommScope ou EMC entre outros, así como con representantes de 6 autonomías, deputacións e outras entidades públicas a maiores do Goberno de Panamá, o convidado especial do evento.

PUBLICIDADE