O segundo Tech Kids incluirá medio cento de actividades de divulgación STEM

xoves, 2 de maio do 2019 Redacción

Volve o programa Tech Kids, a iniciativa itinerante que percorre a nosa terra mostrando á rapazada a importancia de programar e ter coñecementos teorico-prácticos de informática, ciencia e robótica. A xira de divulgación, impulsada novamente pola Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA) e o Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática (CPEIG), vén de coller impulso coa renovación do acordo de traballo conxunto mantido nos últimos anos entre as dúas entidades. O acordo abrangue tres liñas de actuación, que se desenvolverán ao longo deste ano. Insírese nas medidas previstas na Axenda Dixital de Galicia 2020.
O convenio recolle a celebración da segunda edición do Programa Tech Kids, unha das actividades enmarcadas no Plan Digitalent da AMTEGA. Durante 2019 o CPEIG organizará un mínimo de 40 xornadas Tech Kids distribuídas pola xeografía galega con diferentes desafíos temáticos dirixidos á franxa de idade de 10 a 16 anos. Os rapaces e rapazas que participen poderán achegarse dun xeito lúdico ao desenvolvemento de aplicacións para dispositivos móbiles, ao deseño de videoxogos, á creación de contidos dixitais, á programación de drons ou á robótica.
Segundo informaron AMTEGA e o CPEIG, a través destas actividades a comunidade de estudantes “aplicará conceptos de matemáticas, ciencia e tecnoloxía na vida real” e potenciará “habilidades e competencias como o traballo en equipo, a resolución de problemas e a comunicación”.
Amais, o CPEIG realizará media ducia de cursos de distintas temáticas orientados a especialización de ata 300 profesionais do ámbito TIC, que combinarán a modalidade semipresencial e de teleformación para facilitar a participación.
As actuacións previstas polo CPEIG completaranse con actividades de difusión para profesionais, organismos e empresas do sector TIC galego en temas de investigación, tendencias de mercado, innovación, etc.
A AMTEGA achegará ao Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática (CPEIG) 65.000 euros para o desenvolvemento destas actividades.

PUBLICIDADE