O turismo galego máis innovador deuse cita no Demoday da aceleradora da Deputación de Pontevedra

venres, 4 de marzo do 2022 S. P.

Este xoves 3 de marzo a Deputación de Pontevedra celebrou a xornada de demostración (Demoday) da súa cuarta Aceleradora de Turismo: un evento que serviu para que as persoas emprendedoras que participaron no programa de impulso empresarial presentasen as súas contribucións e para que quedase de manifesto o seu talento e o seu espírito innovador. Foron, en palabras da presidenta provincial, “ideas e proxectos que traerán grandes triunfos”, dixo a presidenta provincial Carmela Silva.
Dúas guías turísticas (Turismo + Patrimonio e Mellor con Guía), unha empresa de actividades náuticas (Galping Water Sports), un albergue (Rosa de Abreu, en Redondela), unha firma especializada en produción e animación de eventos (Sarao Producción & Animación) e unha páxina web informativa de eventos, festas e actividades lúdicas en Galicia e o norte de Portugal (Troulanda) recibiron asesoramento na aceleradora, iniciativa que a Deputación desenvolve a través do servizo de capacitación tecnolóxica SmartPEME e que apoia as empresas do sector turístico no uso das novas tecnoloxías, a imaxe corporativa, a mercadotecnia e a viabilidade empresarial. Na xornada a presidenta Carmela Silva fixo fincapé no éxito de SmartPEME, “un proxecto de éxito que desde fai seis anos dá espazo, información e asesoramento a milleiros de pequenas e medianas empresas”.
-Patricia Novas, de Cangas, guía turística oficial e intérprete de patrimonio, impulsou o proxecto empresarial Turismo + Patrimonio, nome que combina as súas grandes paixóns. “Céntrome nos castros e os petróglifos, temos unha paisaxe marabillosa e moita riqueza histórica, e trato de que a xente coñeza moito máis que as praias”, explicou e, ao igual que todas as demais persoas emprendedoras participantes, agradeceu o seu apoio a SmartPeme e a Deputación de Pontevedra. O asesoramento centrouse no seu caso no desenvolvemento web, programación de actividades, liñas de negocio e coñecemento do público obxectivo.
-Rosa María de Abreu, propietaria do albergue Rosa de Abreu en Redondela, explicou que ten “unha idea romántica do Camiño Portugués” e trata de que as persoas que se hospedan no seu establecemento “se sintan cómodas e a gusto nun ambiente familiar”. A emprendedora recibiu na aceleradora apoio para crear un logotipo, a xestión do correo corporativo, o uso da plataforma Booking, a elaboración dun plan de empresa e a análise do público obxectivo.
-Leticia e Patricia Pérez, de Vigo, son as promotoras de Troulanda, unha páxina web especializada na información de eventos e actividades lúdicas en Galicia e o norte de Portugal. “Hai moitísimo patrimonio cultural invisíbel, eventos que suceden unha vez ao ano, ou ao mes. Collemos os recursos, poñémolos nun calendario, situámolos xeograficamente e dámoslle un contexto”, explicou Leticia. O desenvolvemento da web, as redes sociais e a planificación estratéxica foron os eixos do asesoramento desta iniciativa.
-Baltasar Pujales, de Vigo, impulsou Galping Water Sports, un servizo de alugueiro de Hobie Step Paddle Surf (táboa acuática con pedais). “É unha actividade innovadora, sustentábel e moi accesíbel. Somos apaixonados do deporte, a natureza e a aventura”, expuxo na súa presentación. O asesoramento centrouse neste caso no desenvolvemento web, as redes sociais, a creación de logotipo, identidade de marca e a edición de vídeo.
-Soledad Chayán dedícase ás visitas guiadas por Redondela e a illa de San Simón a través da iniciativa Mellor con Guía. “É importante personalizar a experiencia, fiar un relato e facelo interesante. E nós temos unha zona moi bonita e con moita historia”, destacou. O apoio centrouse nas webs, modelos de negocio, subvencións, imaxe corporativa e plan de empresa.
-Finalmente, Javier Lago, de Vigo, é o promotor de Sarao Producción & Animación, enfocada á produción e animación de eventos. “Gústanos dicir que somos creadores de alegría para o público infantil e adulto e tamén nos actos institucionais”, explicou. Redes, optimización web e estratexia para abrirse a novas tipoloxías de clientes foron o eixo do apoio ao seu proxecto neste caso.

PUBLICIDADE