O último xogo de Indiana Jones terá versión para Switch 2

mércores, 20 de agosto do 2025 Redacción

Durante a noite inaugural da gamescom deuse a coñecer que Indiana Jones y el Gran Círculo chegará a Nintendo Switch 2 en 2026, converténdose no primeiro xogo dos estudios de Xbox para Switch 2. A presentación estivo acompañada do tráiler da expansión Indiana Jones y el Gran Círculo: La Orden de los Gigantes, que verá a luz o 4 de setembro de 2025. Nesta nova aventura, Indy internarase nas profundidades do subsolo romano para descubrir as lendas esquecidas da orde dos nefilim, a tribo de xigantes xa presente na historia principal. A expansión, ambientada durante os acontecementos do xogo base, porá a proba tanto o enxeño coma a destreza dos xogadores a través de complexos quebracabezas e misterios letais sepultados durante séculos.
Os xogadores explorarán escenarios estarrecedores e terán que enfrontarse á Seita de Mitra, unha confraría envolta en túnicas disposta a matar ou morrer para protexer o poder ancestral ao que serve. No camiño, ao descubrir a turbia historia de Roma, poden saír á luz segredos que sería mellor non destapar.
A expansión comeza cando Indy coñece ao padre Ricci, un novo sacerdote que lle pide axuda para atopar un artefacto misterioso. O que semella unha simple procura de tesouros acaba converténdose nunha expedición chea de perigos, na que se afonda no legado da orde dos nefilim.
Ao longo desta nova aventura, os xogadores cruzarán as fronteiras do Vaticano para mergullarse nas rúas de Roma, explorar criptas agochadas, navegar polo Tíber e percorrer a Cloaca Máxima, o antigo sistema de sumidoiros da cidade. Indy terá que resolver novos enigmas, afrontar os xogos de gladiadores secretos do emperador Nerón, exhumar a lenda dunha besta colosal e facer fronte á Seita de Mitra. Ademais, regresan vellos adversarios como o padre Ventura e Mussolini, que volverán complicarlle a vida ao arqueólogo máis famoso do cinema.
Indiana Jones y el Gran Círculo: La Orden de los Gigantes estará dispoñible o 4 de setembro, e xa está incluída para quen teña a Edición Premium, a Mellora Premium, a Edición de Coleccionista ou o lote de Coleccionista.

Tráiler de Indiana Jones y el Gran Círculo: La Orden de los Gigantes