O videoxogo galego AR-K publicará o seu derradeiro capítulo este verán

xoves, 21 de xuño do 2018 Marcus Fernández

O estudio coruñés Gato Salvaje presentou en 2010 o que sería o seu primeiro videoxogo, AR-K, aventura gráfica que buscou sorte en Kickstarter, plataforma de micromecenado na que conseguiu trunfar no segundo intento en 2013, grazas en boa medida por un par de fichaxes estelares (o guionista de banda deseñada Greg Rucka e a actriz de dobraxe Ash Sroka da saga de xogo Mass Effect), de xeito que até 2014 non puidemos ver o seu segundo capítulo publicado en Steam.
O terceiro capítulo da serie AR-K: La Gran Evasión, chegou a Steam en 2015, e aproveitando que até o 5 de xullo poden mercarse cun importante desconto, o equipo detrás do xogo adianta unha grande nova: o lanzamento do cuarto e derradeiro episodio de AR-K terá lugar en poucas semanas e, para que a conclusión da saga sexa totalmente satisfactoria, tamén renovarán as dúas primeiras entregas para que presenten o mesmo acabado que a terceira, de xeito que este verán completarase definitivamente este proxecto que serviu para que botase a andar un estudio de videoxogos galego que actualmente está embarcado nun proxecto moito máis ambicioso, The Waylanders, que cun orzamento duns 2 millóns de euros procurará ver a luz a primeiros de 2020.

JPEG - 76.2 KB
A terceira entrega de AR-K presentaba un acabado gráfico bastante superior que leva agora a Gato Salvaje a remasterizar as primeiras entregas para ofrecer un resultado uniforme de cara ao peche da saga.

PUBLICIDADE