O xogo galego Shadows of the Afterland chega a Switch

martes, 5 de maio do 2026 Marcus Fernández

Dende o mes de febreiro podemos gozar en PC do xogo Shadows of the Afterland de Aruma Studios, pero esta creación coruñesa non quixo limitarse a unha única plataforma, e hoxe estrea versión para Nintendo Switch, consola que na súa disposición portátil semella moi acaída para unha aventura do xénero point-and-click con gráficos pixel art.
Dende hoxe e ata o vindeiro día 12 podemos adquirir o xogo galego a un prezo promocional de 13,45 euros na Nintendo eShop, pasando a custar logo 14,95 euros, o que segue a ser un prezo bastante contido para un xogo de consola que achegará bastantes horas de diversión aos amantes deste tipo de aventuras clásicas que tanto éxito acadaron a primeiros dos anos 90.
A premisa do xogo xira arredor dunha alma que, tras un tránsito frustrado, chega ao máis alá cargando as lembranzas de Carolina, unha das primeiras policías da capital… que aínda non naceu. Esta fractura temporal e identitaria serve de motor narrativo para unha historia que mestura destino, coraxe e a procura de quen somos realmente. O xogador deberá alternar entre mundos, empregar maxia e posuír a personaxes vivos para resolver quebracabezas integrados na trama.

ACTUALIZACIÓN (7-5-2026): Nintendo tivo a ben destacar o lanzamento de Shadows of the Afterland na Nintendo eShop, colocándoo á altura dun título tan relevante como Mixtape.