Opera optará polo software libre nos seus navegadores web

mércores, 13 de febreiro do 2013 Marcus Fernández

Opera Software publicou hoxe un comunicado no que dá a coñecer que os navegadores web para ordenadores, tablets, teléfonos e televisores chegaron aos 300 millóns de usuarios/mes, asegurando que están a esforzarse para conseguir aínda máis peso no sector dos smartphones, para o que entre outras cousas deixarán gradualmente de empregar o seu motor Presto para empregar WebKit, que é o máis empregado en plataformas móbiles.
Deste xeito Opera Software aproveitaría a forza das comunidades de código aberto que sosteñen a WebKit e Chromium para mellorar os seus produtos, en vez de empregar unha solución propietaria. Actualmente Opera xa está a participar nestes proxectos libres, e como adianto do que permitirá o seu novo navegador para smartphones, durante a vindeira edición do Mobile World Congress amosarán unha versión previa do seu navegador para Android baseado en WebKit..