Organizan unha campaña en liña para reivindicar OS X e iOS en galego

xoves, 11 de decembro do 2014 Marcus Fernández

Hai máis dun ano dende o blog Mallando no Android emprenderon unha campaña na que convocaban aos usuarios de Android a esixir a Google que incorporasen a lingua galega a Android, o que finalmente fíxose en Android 5.0, e dado que Windows Phone 8 tamén incorporou o galego nos novos terminais, temos que Apple convértese practicamente na excepción, xa que continúa a dar as costas á nosa lingua tanto nos seus dispositivos móbiles como nos seus sistemas de escritorio, o que levou a Diego Boquete e Brais Fortes, a xuntarse para reivindicar a galeguización do software de Apple a través da páxina web Queremos Apple Galego.
Dende este novo espazo na Rede destacan a importancia da lingua galega e da nosa sociedade, polo que queren que Apple inclúa o galego en OS X e iOS, de aí que meses atrás creasen unha conta en Twitter co nome @AppleEnGalego, para comezar a facer presión a compañía de Cupertino, podendo agora centralizar a información ao respecto desta campaña nun espazo na web.
É de agardar que nas vindeiras semanas realicen distintas actividades na liña do que se fixo coa campaña a prol do galego en Android, para instar a Apple a ofrecer os seus produtos en galego. Cómpre destacar que a compañía da mazá si ofrece tanto OS X como iOS en catalán, polo que facer o propio coa nosa fala non parece un imposible, senón que respondería máis á vontade da empresa de achegarse á nosa lingua.