Os Almorzos TIC Talk do CITIC poñen o foco nos avances da IA na medicina

mércores, 29 de xaneiro do 2025 S. P.

O CITIC celebrou este martes 28 de xaneiro un novo Almorzo TIC Talk, ciclo de encontros organizado polo centro da UDC que mostra os avances máis recentes en diversos ámbitos do coñecemento tecnolóxico e que destaca o potencial transformador das ferramentas da información. Desta volta compartíronse os avances máis recentes nas tecnoloxías computacionais aplicadas á bioloxía e á medicina.
Durante o evento, dúas persoas expertas no eido da bioloxía computacional presentaron as súas investigacións sobre o estudo do cancro e a predición do efecto das mutacións nas plantas, usando a Intelixencia Artificial e os métodos de computación avanzada.
Samuel Martín Revuelta abriu a xornada cun relatorio centrado no estudo do cancro mediante análise computacional, detallando as metodoloxías empregadas para seleccionar xenes asociados á resistencia dos tumores a tratamentos farmacolóxicos A través do uso de datos transcriptómicos, Martín Revuelta explicou como se poden identificar xenes crave para mellorar os tratamentos oncolóxicos, facilitando o desenvolvemento de novas terapias máis efectivas.
A continuación, Eva Pardo Otero falou sobre os avances no uso de métodos de computación para predicir o efecto das mutacións nas plantas. A investigadora subliñou a limitación dos enfoques actuais para predicir estes efectos, a pesar do seu impacto nas adaptacións ao medio natural. Na súa intervención destacou tamén a importancia de desenvolver técnicas específicas para as plantas que aproveiten as mellores metodoloxías para a predición de mutacións nocivas, co obxectivo de mellorar a súa resistencia aos cambios ambientais.