Os Medios en Galego entregarán premios en metálico e tecnolóxicos no seu certame de vídeos, podcasts e regueifas

luns, 13 de abril do 2020 Sonia Pena

O noso talento é, en certa maneira, a arma perfecta contra a pandemia. Tendo en conta isto, e as vantaxes de achegar lecer para as grandes e pequenas creativas confinadas e confinados, a Asociación de Medios en Galego segue adiante co seu certame de vídeos, podcasts e regueifas. Segundo informa a entidade, o traballo non debe superar os 4 minutos de duración e poden presentarse persoas individuais de entre 12 e 30 anos e tamén aulas de ESO, Bacharelato e ciclos formativos. Serán traballos nos que se relacione a lingua galega e os medios de comunicación.
O xurado do concurso valorará especialmente o emprego do humor, a calidade técnica e lingüística, o poder de persuasión, a claridade expositiva e a creatividade. A organización achegará un premio de 1.000 euros ao mellor traballo presentado. Ademais deste galardón, haberá outros premios concretos como un día de rodaxe coa produtora Vaca Films, unha tableta valorada en 300 euros, un móbil de última xeración e unha cámara de gravación con micrófono. Os traballos enviaranse por correo electrónico a mediosengalego@gmail.com. O prazo de presentación de traballos finaliza o 30 de setembro. Quen queira ver as bases da iniciativa pode velas na web da asociación.

PUBLICIDADE