Os almorzos do CITIC presentan investigacións para resolver problemas financeiros e para afrontar os retos do teletraballo

mércores, 26 de outubro do 2022 S. P.

Este martes 25 de outubro celebrouse a sexta sesión dos Almorzos TIC Talk, protagonizada desta volta polos investigadores Joel Pérez Villarino e Pedro Fernández-Arruti Gallego, que presentaron as súas liñas de investigación. Os almorzos pretenden achegar, nun ambiente distendido, o traballo desenvolvido no centro ao persoal investigador que se atopa nas primeiras etapas da súa carreira.
O investigador Álvaro Leitao, membro da comisión de formación, deu paso aos relatores. En primeiro lugar, Joel Pérez Villarino expuxo o seu traballo Resolvendo EDPs con Deep Learning, explicando a metodoloxía baseada en aprendizaxe profunda (Deep Learning) para a resolución de EDPs (ecuacións en derivadas parciais con vistas á súa aplicación a problemas financeiros de risco de contraparte).
A continuación, Pedro Fernández-Arruti Gallego presentou Sistema de auditoría de seguridade automatizado orientado a pemes, unha investigación que ten a súa orixe nos retos que propón o aumento do teletraballo motivado pola pandemia, polo que o equipo de Fernández-Arruti decidiu crear un sistema de rede en tempo real para pequenas e medianas empresas, doado de usar, de baixo custo, e capaz de realizar un inventario da rede, escaneo de vulnerabilidades e análises Wi-Fi.
Os Almorzos TIC Talk reúnen mensualmente ao persoal investigador do CITIC que se atopa nas primeiras etapas da súa carreira investigadora, coa finalidade de potenciar a transversalidade e promover posibles colaboracións.