Os altofalantes Sonos comezan a integrar Alexa en España

xoves, 15 de novembro do 2018 Marcus Fernández

Os altofalantes de Sonos, referente no seu sector, están a integrar asistentes de voz de xeito paulatino, e aínda que recoñeceron que non serán quen de engadir o Asistente de Google aos seus altofalantes compatibles até 2019, no que a Alexa se refire o traballo está máis avanzado, e espérase que hoxe mesmo comece a distribución da actualización que achegue o asistente de Amazon aos altofalantes de Sonos.
A incorporación de Alexa aos altofalantes Sonos One e Sonos Beam en España suporá unha grande nova para os seus usuarios, xa que facilitará o control de voz de aplicacións como Amazon Music, Spotify, Deezer e TuneIn, como acontece cos altofalantes Amazon Echo, podendo tamén controlarse o nivel de volume e, no caso do Beam, incluso permite acender e apagar o televisor coa voz.
Lembremos que os altofalantes de Sonos tamén incorporaron AirPlay 2 para facilitar o seu control con Siri, de xeito que, cando o ano que vén integren finalmente o Asistente de Google converteranse nunha das solucións máis flexibles do mercado, xa que son altofalantes conectados que deixarán na man do consumidor a escolla do seu asistente persoal favorito.

PUBLICIDADE