Os clientes de Abanca xa poden utilizar Samsung Pay

mércores, 29 de xuño do 2016 Redacción

Hai uns meses anunciamos que Abanca sería unha das primeiras entidades bancarias en empregar a solución de pagamentos dende o móbil de Samsung, e agora o banco galego dá conta de que xa é a segunda entidade financeira europea en ofrecer aos seus clientes a tecnoloxía financeira máis innovadora para realizar compras desde un smartphone en calquera establecemento que acepte o pagamento contactless. Os clientes só terán que dar de alta as súas tarxetas bancarias VISA de Abaca, sexan de débito ou de crédito, nos dispositivos Samsung compatibles para realizar os seus pagamentos de xeito rápido e sinxelo.
O director de Innovación de Abanca, Eduardo Aldao, asegura que coa activación deste servizo de pago “Abanca continua desenvolvendo o seu modelo de banca máis dixital e multicanle co obxectivo de mellorar o servizo aos nosos clientes e de poñer á súa disposición os produtos e servizos máis avanzados do mercado”, como xa demostraron hai pouco coa posta en marcha de ABANCA Pay.
Samsung Pay ofrece unha gran sinxeleza de uso e seguridade nos pagos móbiles. Unha vez o cliente engada a súa tarxeta de Abanca na aplicación, desprégase simplemente Samsung Pay, elíxese a tarxeta de pagamento desexada e identifícase co sensor de pegada dactilar para autorizar o pagamento. O dispositivo móbil conéctase cos terminais do punto de venda (TPV), o que permite realizar unha compra rápida, segura e sinxela.
Os usuarios de Samsung Pay contarán tamén con todas as garantías de seguridade dos cartóns da entidade financeira. Grazas aos tres niveles de seguridade: tokenización dixital, lector de impresións dixitais e Samsung KNOX, os datos transmítense sempre de forma segura. Así mesmo, cando se realice un pago polo móbil, sexa cal for o importe, o cliente recibe unha notificación avisándolle de que se efectuou a operación. Samsung Pay funciona en máis do 70% dos comercios en España que xa operan con tecnoloxía contactless. En España, Samsung Pay é compatible cos smartphones Samsung Galaxy S7, Samsung Galaxy S7 edge, Samsung Galaxy S6, Samsung Galaxy S6 edge, Samsung Galaxy S6 edge+.

PUBLICIDADE