Os directores de Gammera Nest e Vandal avalían o videoxogo Renegade Jammer
mércores, 24 de setembro do 2025
Esta mañá presentouse en Ferrol o videoxogo Renegade Jammer, un título desenvolvido como traballo final do Máster en Deseño, Desenvolvemento e Comercialización de Videoxogos da Escola Politécnica de Enxeñaría de Ferrol (EPEF), conseguindo chamar a atención do director xeral de Gammera Nest, Daniel Sánchez, e do director de Vandal, Pablo Grandío.
A aventura de Jammer, unha rebelde que lidera a loita contra a corporación intergaláctica ZenCore, está a ser creado por Team Kaulu, equipo formado polo alumnado da Universidade da Coruña Andrea Alonso, Álvaro Martos, David Muradás, Gael Alberto Quintela, Andrea Salgado e Manuel Sanjurjo.
Trátase dun xogo de plataformas en 3D no que a protagonista, xunto co seu equipo, debe infiltrarse en distintas instalacións repartidas por varias galaxias para derrubar os sistemas informáticos dunha compañía dedicada a experimentos xenéticos con fins pouco éticos.
Durante a súa visita á Sala de Xuntas da Vicerreitoría, Daniel Sánchez e Pablo Grandío, xunto coa coordinadora do mestrado, Luz Castro, achegaron suxestións e propostas de mellora que servirán ao equipo para perfeccionar o proxecto antes da súa participación na BCN Game Fest, que se celebrará do 10 ao 12 de outubro en La Farga de Hospitalet de Llobregat (Barcelona).
O percorrido de Renegade Jammer en eventos públicos comezou en novembro de 2024 na ExpOtaku da Coruña e continuou hai apenas uns días no Lérez Up de Pontevedra, onde Team Kaulu acadou o Primeiro Premio ao Mellor Xogo Indie.
Tráiler do xogo
