Os equipos de Talentos Inclusivos dan importantes avances ás súas tecnoloxías integradoras

xoves, 25 de marzo do 2021 S. P.

Os equipos de traballo do proxecto Talentos Inclusivos, desenvolvido polo CITIC, atópanse estes días dando importantes avances nos seus retos tecnolóxicos. O alumnado de Tecnoloxía dos centros educativos participantes xa presentou diferentes propostas e prototipos dirixidos a mellorar a calidade de vida dos usuarios e usuarias de ASPACE Coruña.
O proxecto Talentos Inclusivos está impulsado polo CITIC en colaboración con ASPACE Coruña e co apoio do Consello Social da UDC e a Fundación Española para a Ciencia e a Tecnoloxía (FECYT). Ten o obxectivo de, por unha banda, fomentar as vocacións TIC entre estudantes de secundaria e bacharelato e, por outra, sensibilizar sobre a diversidade funcional.
Ao abeiro do programa, diferentes centros educativos participan nun proxecto colaborativo e diverso no que as e os estudantes deberán aceptar os retos propostos polos usuarios de ASPACE Coruña para tratar de mellorar a calidade de vida das persoas dos devanditos colectivos.
Colexio Calasanz PP. Escolapios
En primeiro lugar, o colexio Calasanz PP. Escolapios da Coruña realizou as primeiras probas de control do robot que poderá ser manexado desde distintos dispositivos como luvas, volantes adaptados ou mandos controlados desde os pés.
Colexio Salesianos San Juan Bosco
O colexio Salesianos San Juan Bosco da Coruña avanzou no reto do dron, estudando o seu funcionamento e a posibilidade de programalo para manexalo co movemento de cabeza e man a través dunha placa controladora e diversas tecnoloxías sen fíos. Ademais, tamén están estudando e deseñando un mando adaptado que permita acender e apagar un ordenador a través do coñecemento dos elementos da placa base, deseño en 3D, etc.
IES Miraflores
O IES Miraflores de Oleiros realizou as súas primeiras probas de impresión 3D, adaptando o tamaño dos deseños para conseguir optimizalos.
IES Terra de Trasancos
O alumnado do IES Terra de Trasancos de Narón recibiu unha cadeira de rodas eléctrica por parte de Prim Clínicas Ortopédicas, colaborador de ASPACE Coruña, para axudar ao equipo co seu reto.
Desta forma, segundo informou o CITIC, terán a oportunidade de traballar cunha cadeira real e experimentar en primeira persoa o seu funcionamento. Xa realizaron as primeiras probas de operatividade dos sensores de colisión para cadeiras de rodas.
IES Sofía Casanova
O equipo do IES Sofía Casanova de Ferrol presentou unha versión inicial da adaptación do xogo Pong. Na sesión de coordinación, abordáronse melloras a introducir de acordo coas necesidades dos usuarios e usuarias de ASPACE Coruña: melloras como a diminución da velocidade, o engrosamento das barras laterais e outros detalles de mellora da visibilidade. Tamén se comentaron as posíbeis adaptacións para o control do xogo, que polo momento realízase co teclado do ordenador.
IES de Ortigueira
O IES de Ortigueira xa ten listo o seu primeiro xoguete adaptado, que será probado polos usuarios e usuarias de ASPACE Coruña. Co feedback que recibirán desde o centro, o alumnado poderá optimizalos para que sexan máis eficientes.
IES David Buján
Para rematar, o IES David Buján de Cambre atópase traballando nun traxe de luces controlado con premedores adaptados e en breve terán a oportunidade de presentar os primeiros avances. Para o control das luces utilizarán Makey-Makey.

PUBLICIDADE