Os establecementos do Camiño Primitivo estréanse nas redes cun vídeo viral

xoves, 16 de abril do 2020 S. P.

A Asociación de Empresarios do Camiño Primitivo, actualmente en proceso de constitución debido á paralización administrativa polo COVID-19, vén de estrearse nas redes sociais coa mensaxe virtual #elcaminoteespera e coa edición dun vídeo no que tenta achegar folgos, optimismo e agradecemento aos peregrinos durante o seu confinamento. A entidade está integrada por máis de 60 empresarios de pequenos negocios galegos e asturianos situados en Oviedo e Lugo.
Todos eles participaron na realización da dita peza audiovisual, que, ao pouco de lanzarse xa acadou 45.000 visualizacións nas redes sociais, impulsada non só polo seu compoñente visual senón tamén polo seu contido de “unidade, forza e optimismo” fronte á adversidade da pandemia de COVID-19, unha crise sanitaria que está a cebarse especialmente con eidos produtivos como o turístico, sen ir máis lonxe.
“Con este audiovisual”, explican, “quixemos pór cara e nome a todos eses comerciantes que son os grandes embaixadores do Camiño Primitivo ante os peregrinos”. Tamén salientan que este tipo de negocios relacionados coas rutas xacobeas son “os responsábeis de que nas zonas rurais se realicen novos proxectos e investimentos e de que se creen novos postos de traballo”.
Os integrantes da asociación tamén crearon unha páxina de Facebook con máis dun milleiros de seareiros adheridos en só 48 horas.

Novo vídeo da Asociación de Empresarios do Camiño Primitivo

PUBLICIDADE