Os investigadores Jorge Castiñeiras e Manuel Santamariña protagonizaron no CITIC un novo almorzo TIC Talk

mércores, 26 de abril do 2023 S. P.

Este martes 25 de abril tivo lugar no CITIC unha nova edición dos Almorzos TIC Talk, encontros de divulgación tecnolóxica achegados polo equipo investigador do CITIC que se celebran no centro da UDC os últimos martes de cada mes.

En primeiro lugar, Jorge Castiñeiras Rella, coa súa charla Cost-sensitive learning for financial fraud detection, falou sobre a súa tese industrial, na que estuda técnicas cost-sensitive para obter patróns de fraude de falta de pagamentos.

Pola súa banda, Manuel Santamariña Ruíz de León presentou Mamá, son desenvolvedor!: Unha ollada rápida ao mundo do software, na que explicou o traballo de desenvolvedor de programas e ferramentas informáticas nas distintas fases dun proxecto como a procura de tecnoloxía que se adecúe ás necesidades do proxecto e as fases de implementación e despregadura. Tamén explicou os distintos roles desempeñados por cada membro dos equipos de traballo deste tipo de proxectos.

A sesión estivo moderada polo investigador e membro da comisión de formación do CITIC David Vilares.

Os Almorzos TIC Talk reúnen mensualmente a persoal investigador do CITIC que se atopa nas primeiras etapas da súa carreira investigadora coa finalidade de promover a investigación colaborativa nun ambiente distendido.

PUBLICIDADE