Os internautas seguidores do xornal electrónico de ámbito nacional 20minutos.es elixiron á praia de Rodas como a mellor praia de España 2011. O areal atópase na Illa do Faro, no arquipélago das Illas Cíes, enmarcado no Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia, xestionado pola Consellería do Medio Rural.
Na iniciativa para elixir a mellor praia de España neste ano, o diario dixital propuxo unha relación de dez litorais na que os lectores engadiron as súa propostas. Da votación de cada un deles seleccionouse as dúas primeiras opcións para conformar unha lista con 20 candidaturas, da que saíu a mellor praia de España 2011, de acordo co seu veredicto. No repertorio resultante das votacións dos lectores colocouse o nome da paraxe seguido do da Comunidade Autónoma na que se empraza.
O resultado do proceso de votacións, que abarcou desde o día 24 de agosto ás 12:00 ata a medianoite do 4 de setembro, amosa que a praia galega de Rodas acada o primeiro posto, situándose como a mellor praia de España 2011, tras recibir 32.418 puntos. En segundo lugar atópase o areal de Zahara de los Atunes, en Andalucía, cunha puntuación de 31.687 votos. Tamén pertence á Comunidade andaluza a praia de Bolonia, que con 23.453 puntos colócase na terceira posición.
A praia de Rodas xa fóra valorada polo prestixio xornal británico The Guardian como unha das mellores praias do mundo. É un dos tesouros naturais do Parque Nacional das Illas Atlánticas, composto polos arquipélagos das Cíes, Ons, Sálvora e Cortegada e as augas da súa contorna. Situado nun espazo natural ligado ao mar, o Parque caracterizase pola súa rica biodiversidade, con gran variedade de ecosistemas, entre os que destacan as praias, os cantís, os sistemas dunares, as matogueiras e os fondos mariños, entre outros.
Os lectores de 20minutos.es elixen a Rodas como a mellor praia española
Compartir Este Artigo
