Os monólogos R regresan a Vigo e á Coruña con In-Certo de Oswaldo Digón e Love está no aire de David Amor
xoves, 5 de febreiro do 2026
Os monólogos R de 2026 celebran a súa 18ª edición coas historias de dous dos monologuistas máis populares de Galicia: o lugués Oswaldo Digón e o pontevedrés David Amor. Ambos os humoristas chegan o venres 6 ao Auditorio Mar de Vigo e o día 13 a PALEXCO, na Coruña, cos seus relatos e anécdotas sobre as inquedanzas dos nosos días, o tsunami tecnolóxico, as loias da Internet (as fake news), a grella televisiva ou historias cotiás nun aeroporto.
O pano dos monólogos R alzarase de novo este venres 6 ás 21:00 h no espazo vigués co evento máis reclamado da operadora galega de telecomunicacións: un espectáculo que, dende hai 18 anos, conducido por actores e actrices moi populares, fixo rir a milleiros de persoas das catro provincias galegas. Os monólogos R ofrecerán de novo humor “do país”, desta volta con Digón e Amor, dous narradores orais de traxectoria moi destacada no panorama do humor en Galicia.
En In-Certo, Oswaldo Digón conversará co público e deterase nesas “cousiñas pequenas que todas e todos afrontamos nun día calquera”. En concreto, falará con humor, liberdade e unha posta en escena moi coidada do espírito da nosa época: o tsunami da tecnoloxía que chega de súpeto, as noticias falsas e os boatos (fake news), as nosas preocupacións cotiás, etc.
Pola súa banda, o pontevedrés David Amor segue facendo honra ao seu apelido artístico e regresa a Vigo con Love está no aire, con historias reais do humorista (non inventadas) e deténdose nunha das súas últimas paixóns: os aeroportos. Por iso preguntarase, entre outras cousas, por que a xente pasa sede mentres espera a chegada do seu voo. Tamén fará un percorrido pola grella televisiva sen tocar o mando e explicará os motivos polos cales
Após recalaren en Vigo, Digón e Amor levarán os seus espectáculos ao auditorio do PALEXCO, na Coruña, o vindeiro 13 de febreiro, onde as/os asistentes poderán divertirse tamén a partir das 21:00 h coas ocorrencias de ambos os dous actores galegos no marco dos monólogos R.
A capacidade é limitada e para acudir é preciso contar con algún dos convites de R para clientes/as ou cos conseguidos nos concursos das redes sociais.
Os monólogos R organízanse, xa na orixe, pensando especialmente nos/as clientes/as do operador galego cun formato definido (relato dunha única persoa en voz alta) que R leva escollendo dende 2008. “É unha aposta polo talento do país, polo enxeño e polo humor, unha das maneiras máis rápidas e eficaces de acurtar distancias entre as persoas”, explica a firma galega de telecomunicacións.
Ata agora, en formato presencial, preto de 53.500 persoas asistiron aos monólogos R, con espectáculos non só nas sete principais cidades galegas (A Coruña, Lugo, Ourense, Pontevedra, Santiago de Compostela, Vigo e Ferrol), senón tamén noutras moitas localidades da comunidade, como Viveiro, Vilalba, Ordes, Xinzo da Limia, Sarria, O Carballiño, Carballo, Ribadeo, Verín, Lalín, A Estrada, Melide, Noia, Allariz, As Pontes de García Rodríguez, O Barco de Valdeorras, Ponteceso (O Couto), Porriño, Cee, Boiro... Ata unha trintena de concellos visitados.
Todo iso, con talento galego: polos monólogos R pasaron actores, humoristas e monologuistas do territorio tan populares coma Isi, Rober Bodegas, Marcos Pereiro, Federico Pérez (Fede), Javier Veiga, Víctor Grande, David Perdomo, Marita Martínez, Celso Sanmartín, Lucía Veiga, Marta Doviro, Carlos Blanco, Pepo Suevos, Xosé A. Touriñán, David Amor e Oswaldo Digón (os dous últimos na presente edición e en anteriores).
