Os monólogos de R chegan a Ferrol para facer humor da nosa historia tecnolóxica recente

mércores, 14 de novembro do 2018 Fernando Sarasketa

R quere facernos rir ao tempo que fai un percorrido pola súa historia como compañía de telecomunicacións galega, que é o mesmo, ou semellante, que falar da nosa historia tecnolóxica recente. Estamos a falar dos espectáculos de monólogos de R, que desta volta fan un recalada en Ferrol, no Teatro Jofre, o vindeiro domingo 17 de novembro a partir das 19.00 horas. Trátase, en palabras de R, dun novo exemplo da aposta da empresa pola canteira galega do humor, que lle serve, ademais, para facer repaso polos seus principais fitos históricos agora que a operadora se atopa mergullada nas celebracións do seu 20 aniversario.
O evento contará coa presenza dos nosos humoristas David Amor e a Oswaldo Digón, que presentarán un novo espectáculo con guión do tamén monologuista e actor galego Xosé A. Touriñán. A obra, Monólogos R: #20anosporaquí, é, en palabras de R, “humor do país enchido de referencias ao pasado e presente da empresa, dende os seus inicios, cando a velocidade de Internet aínda se medía en Kbps, até a era actual dos teléfonos intelixentes na nosa vida cotiá”.
Para acudir ao evento cómpre que os clientes conten con algún dos convites de R, que habilita no seu blog toda a información que precisemos sobre esta cita.
Fotos co público e máis monólogos R
Como xa é tradición nos monólogos R, non faltarán tampouco nesta ocasión as fotos finais dos actores cos asistentes ao remate dos espectáculos. Tras recalar en Vigo, Lugo e arestora en Ferrol, os monólogos R visitarán as cidades da Coruña, Pontevedra, Santiago e Ourense. Segundo informa a empresa, a intención é “dar percorrido ao formato do monólogo, que R leva escollendo dende 2008 para manterse preto da xente da man do enxeño e do humor, seica unha das maneiras máis rápidas e eficaces de acurtar distancias entre as persoas”.

PUBLICIDADE