Os nosos centros preparan unha nova cita (a terceira) coas máquinas que pensan

xoves, 28 de xuño do 2018 Fernando Sarasketa

Xa non é que a aprendizaxe das máquinas (Machine Learning) chegase para quedar, é que cada ao imos escoitar falar máis de sistemas e robots con capacidade de aprender e de tomar as mellores decisións, a medida que progresen e se espallen cousas como a tecnoloxía 5G, os datos a gran escala e as ferramentas de análise destes datos, os algoritmos avanzados ou a Internet das Cousas. Co fin de afondar no potencial de uso das máquinas “pensantes” nunha manchea de sectores empresariais, vaise organizar en Vigo, da man dos centros tecnolóxicos galegos, unha nova edición do Machine Learning Workshop Galicia 2018.
O workshop, previsto para o vindeiro 18 de outubro, virá da man de AtlantTIC (Universidade de Vigo), que coordina o evento coa colaboración do CESGA (Centro de Supercomputación de Galicia), o CiTIUS (USC) e o CITIC (Centro de Investigación TIC da UDC).
O gran obxectivo da xornada é impulsar os avances en ML, xa que, segundo sinalan os ditos centros tecnolóxicos, “o seu potencial máximo está aínda por explotar, polo que temos por diante un futuro cheo de novos retos e oportunidades”. Para a organización do workshop, o espallamento do ML xa está a xerar importantes achados en ámbitos como os seguintes: sistemas de procura, análise de textos e redes sociais, recoñecemento de obxectos e caras, procesado do ADN, recoñecemento da fala, analítica de datos médicos, mellora e optimización dos sistemas de produción na industria ou aplicacións de analítica para a intelixencia do negocio.
Segundo engaden os centros organizadores do evento, nesta edición darase prioridade aos traballos que mostren a aplicabilidade dos algoritmos Machine Learning en casos reais, co fin de mostrar á industria o potencial destas tecnoloxías. Tamén se valorarán traballos que, aínda sen contar con algún caso de uso de transferencia real por atoparse nunha fase inicial de desenvolvemento, conten cun potencial importante de aplicabilidade no tecido socioeconómico ou industrial.
O comité científico da xornada está formado por Ricardo Cao (CITIC - UDC, ITMATI), Milagros Fernández Gavilanes (AtlantTIC – UVigo), David Mera Pérez (CiTIUS – USC), Andrés Gómez Tato (CESGA) e Fernando Vázquez Núñez (Imatia). Este ano a relatora convidada será Ana Peleteiro Ramallo, directora de Ciencia de Datos en Tendam (previamente, o grupo Cortefiel) coa súa charla titulada Vivindo a era da IA: contos de Machine Learning e datos".
Lugar de celebración
Tralo éxito colleitado en 2016 e 2017, cunha manchea de relatorios e máis de 100 participantes (entre investigadores e empresas en cada edición, AtlantTIC asume a organización da III edición do Machine Learning Workshop Galicia, que será o 18 de outubro de 2018 en Vigo a partir das 09:00 na Sede Afundación, Rúa Policarpo Sanz, 24-26.

PUBLICIDADE