Os novos episodios de Game of Thrones retransmitiranse simultaneamente en 170 países
mércores, 11 de marzo do 2015
A
canle de televisión por cable HBO está a dar un importante pulo á súa política
de distribución de contidos audiovisuais, e tras presentar
o seu servizo HBO NOW durante a keynote
de Apple desta semana, sorprenden agora cun anuncio especialmente
relevante: os
novos episodios da serie Game of Thrones
estrearanse simultaneamente en 170 países e territorios de todo o mundo nos
que a canle ten presenza, coincidindo coas emisións norteamericanas que se
iniciarán o vindeiro 12 de abril.
Esta retransmisión global simultánea terá lugar durante os 10 episodios da
quinta tempada da ficción televisiva, e parece responder directamente ao feito
de que a serie Game of Thrones leva anos liderando
as descargas a través de plataformas de intercambios de ficheiros como
BitTorrent, xa que os seareiros da serie non están dispostos a agardar varios
meses para poder ver os último episodios da serie dobrados á súa lingua ou,
simplemente, emitidos a través de canles locais con certo retraso, o que pode
supor estragar moitas das sorpresas que agochan os episodios, xa que estes
tamén teñen moito impacto nas redes sociais, o que fai que non seguir a serie ao día faga imposible evitar spoilers moi importantes como aconteceu
na anterior tempada coa voda vermella,
que converteuse nun tema do momento a nivel mundial.
Game of Thrones é a serie máis popular
da historia da HBO, e parece ser tamén a serie cun maior impacto na Internet,
xa que o ano pasado foi a máis buscada en Google, á vez que tamén se converteu
na serie máis comentada en Facebook. Parece así innegable que esta franquía é
unha baza moi importante para que a HBO poida conseguir unha posición de peso a
nivel mundial e consiga negociar acordos con partners internacionais que permitan xogadas como o simulcast sen precedentes que preparan
para a nova tempada.
Último trailer da quinta tempada de Game of Thrones
