Os novos iPhone 12 incorporan 5G e desbotan o adaptador de corrente

martes, 13 de outubro do 2020 Marcus Fernández

Os novos smartphones de Apple por fin ven a luz iniciando unha nova era ao chegar con conectividade 5G, feito que con toda probabilidade contribuirá a que teleoperadores de todo o mundo aceleren a implantación da telefonía móbil de quinta xeración para non quedar fóra de xogo.
Os novos móbiles básicos de Apple serían o iPhone 12 e o iPhone 12 mini, ambos con 5G, e que veñen cunha ampla pantalla Super Retina XDR de borde a borde con protección Ceramic Shield que como principal diferenza teñen que o modelo ordinario tan unha pantalla de 6,1 polgadas, mentres que a versión mini confórmase cunha pantalla de 5,4 polgadas, converténdose no smartphone con 5G máis pequeno, fino e lixeiro do mercado, atendendo á demanda dos usuarios que non queren un smartphone de grande tamaño.
Estes novos móbiles están equipados cun procesador A14 Bionic, que presume de ser o máis rápido do mercado, así como unha cámara traseira dual que aposta pola fotografía computacional, e unha curiosa novidade: a recuperación da marca MagSafe para denominar desta volta a un sistema de suxeición magnética que serve para os cargadores por indución e para toda unha serie de accesorios que poderán adherirse ao iPhone (como un porta-tarxetas).
Estes teléfonos conta con certificación IP68, de xeito que serían capaces de sobrevivir a unha inmersión de até 30 minutos a 6 metros de profundidade, así como tamén estarían protexidos contra salpicaduras, para tranquilidade dos consumidores.
A cámara dual destes móbiles están baseadas nun obxectivo grande angular con apertura f/1.6 e outro ultra grande angular, que grazas á potencia do procesador conseguen fotografías moito máis detalladas e luminosas, mellorando especialmente as fotografías nocturnas e destacando no apartado videográfico, xa que son as primeiras cámaras de móbil capaces de gravar vídeo en HDR con Dolby Vision, sendo incluso o móbil capaz de editar vídeos neste formato de xeito nativo, conseguindo así vídeos impresionantes.
Pero estes potentes dispositivos non están ausentes de polémica, por certas carencias para moitos consumidores, como é o feito de que continúen a apostar polo Face ID (recoñecemento facial) e non recuperasen dalgún xeito o Touch ID que tan práctico resultaría no actual contexto pandémico no que as máscaras fan que o desbloqueo facial sexa máis un problema que unha solución). Na mesma liña tamén preocupa o feito de que Apple decidise que os teléfonos viñesen acompañados cun cable USB-C a Lightning para a súa carga, omitindo o cargador cunha desculpa ecolóxica pouco convincente (que que os usuarios seguen a precisar dun cargador, e na súa meirande parte carecen de cargador con USB-C, o que pode crear bastante frustración se non están debidamente informados e tras comprar un teléfono de alta gama atópanse coa imposibilidade de cargar a súa batería).
Os prezos tamén están a dar que falar, xa que desta volta o iPhone 12 non continúa a liña de prezos do iPhone 11, senón que o herdeiro do iPhone 11 é o iPhone 12 mini, o que podemos ver como unha suba de prezo (á que haberá que engadir o gasto adicional dun adaptador de corrente).
O iPhone 12 mini chegará ás tendas o 13 de novembro a un prezo de 809 euros con 64 GB de almacenamento, 859 euros con 128 GB e 979 euros con 256 GB; mentres que o iPhone 12 xa estará dispoñible o 23 de outubro por 909 eurso con 64 GB, 959 euros con 128 GB e 1.079 euros con 256 GB.

Vídeo promocional do iPhone 12

Versións Pro

Un paso máis adiante estarían os iPhone 12 Pro e iPhone 12 Pro Max, con pantallas Super Retina XDR de 6,1 e 6,7 polgadas respectivamente, e que melloran principalmente a nivel de cámara, non só por integrar unha nova lente cunha distancia focal de 52 milímetros (ideal para retratos) e zoom óptico de 4 aumentos, senón tamén por estrear o formato Apple ProRAW, que facilita a edición minuciosa da cor, o detalle e o rango dinámico das instantáneas.
Tamén conta cun escáner LiDAR, que axuda a tomar mellores fotografías con pouca luz, aínda que a súa funcionalidade principal é a de conseguir grandes experiencia sen realidade aumentada xa que achega información de profundidade sobre o contorno.
O iPhone 12 Pro parte dun prezo de 1.159 euros con 128 GB de almacenamento, custando 1.279 euros a versión con 256 GB e 1.509 euros a versión con 512 GB, podendo adquirirse a partir do 23 de outubro; mentres que o iPhone 12 Pro Max custa 1.259 euros con 128 GB, 1.379 euros con 256 GB e 1.609 euros con 512 GB, chegando ás tendas o 13 de novembro.

JPEG - 82.6 KB
A nivel de cámara os iPhone 12 Pro e 12 Pro Max supoñen unha importante mellora

Vídeo promocinal do iPhone 12 Pro

PUBLICIDADE