Co comezo deste mes de setembro presentáronse importantes detalles da vindeira tecnoloxía aérea intelixente para atender as emerxencias dos peregrinos que percorran os camiños de Santiago. Máis en detalle, o sistema (licitado mediante o sistema de Compra Pública de Tecnoloxía Innovadora a través da Axencia Galega de Innovación, GAIN), consiste nun servizo integral de cardio-protección por medio de vehículos aéreos non tripulados (UAV), que ten entre as súas principais vantaxes a capacidade de seguimento e, por suposto, a rapidez na resposta ante posibles paradas cardiorrespiratorias. Segundo salienta GAIN, esta tecnoloxía converte a Galicia en “pioneira a nivel nacional e europeo”.
A licitación ten un importe máximo de 1.149.500 €, e o sistema deberá estar rematado, probado e validado en 2020. O sistema estará integrado coa Central de Coordinación de Urxencias Sanitarias CCUS-061 que, en chamadas ao servizo con sospeitas de parada cardiorrespiratoria, facilitará a asistencia sanitaria urxente mediante o envío precoz dun electrocardiógrafo e un desfibrilador, “empregando medios aéreos non tripulados”.
Segundo informou o Goberno galego, esta licitación “busca mellorar os tempos de asistencia á poboación, achegando as manobras de reanimación cardiopulmonar e o desfibrilador semiautomático ao paciente na etapa máis precoz posible, facendo uso dunha aeronave non tripulada, que se presenta como o xeito máis axeitado de mellorar estes tempos en determinadas localizacións xeográficas”.
Respecto dos desfibriladores, porase o foco na súa sinxeleza e na súa usabilidade, co fin de ampliar a marxe de operatividade dos camiñantes, ou sexa, das persoas que acompañen ao paciente a pé de camiño, que estarán en comunicación co persoal sanitario dende a central de coordinación do 061, axudándoas en todos os pasos a seguir.
O sistema integrado no UAV estará dotado ademais de material médico.
A iniciativa compleméntase co proxecto Camiño de Santiago, espazo cardioprotexido, co que a Xunta incorpora desfibriladores semiautomáticos externos (DESA) nos 70 albergues públicos na Comunidade. Ademais, inclúe a formación do persoal destes albergues “permitindo mellorar a cobertura sanitaria dos miles de peregrinos que realizan o Camiño de Santiago nos distintos itinerarios oficiais no caso de sufrir unha parada cardiorrespiratoria”.
O contrato encádrase no programa de solucións da Civil UAVs Initiative, a iniciativa estratéxica de GAIN que ten como finalidade atraer investimentos no sector aeroespacial e desenvolver a industria de sistemas e vehículos para mellorar os servizos públicos, “convertendo o Polo Aeroespacial de Galicia nun referente internacional”.
En torno á Civil UAVs Initiative, a Xunta de Galicia publicou un total de doce contratos de Contratación Pública de Innovación (11 xa adxudicados).
Os peregrinos contarán con drons de asistencia cardiorrespiratoria
Compartir Este Artigo

