Os responsables de TokApp lanzan unha ferramenta global de comunicación para empresas, TokApp Direct
xoves, 5 de xuño do 2014
A mensaxería instantánea
ábrese camiño e os nosos desenvolvedores TIC saben ben do seu
potencial de comunicación e interacción. Como por exemplo os
desenvolvedores e deseñadores de TokApp,
que deron forma coa colaboración da Universidade de Vigo á
ferramenta TokApp Direct,
unha solución global de comunicación para empresas, clientes e
provedores. A idea, basicamente, é facilitarlles a obtención de
información de todo tipo de novidades, produtos, ofertas ou eventos,
todo isto de maneira gratuíta e baixo a modalidade de subscrición.
Ademais
disto, TokApp Direct fornecerá a empresas, autónomos e asociacións
a posibilidade de publicitárense adquirindo paquetes de balde
ou de pago que lles permitan acceder a oportunidades adaptables e
flexibles para mellorar as súas estratexias de trato ao cliente.
Todo isto enviando información a aqueles usuarios que estean
subscritos. Unha das grandes vantaxes deste servizo, contan dende
TokApp, é o aforro de papel, tinta, chamadas de teléfono e tempo
que se pon en xogo. Pero hai máis factores de beneficio, como por
exemplo “a comunicación directa, a privacidade, o ilimitado das
mensaxes e a rapidez do proceso”.
Nada en Vigo pero “con
vocación universal e orientada ás PEME”, TokApp Direct, que xa
conta cunha base de datos próxima aos 2.000.000 de empresas entre
España e Portugal, dispón de diversas funcionalidades para o mundo
dos negocios e a comunicación entre os seus integrantes, sendo o
chat só unha parte do conxunto. De feito, TokApp Direct tamén ten
capacidade de xeolocalización para restrinxir a procura dunha
empresa ou negocio ás inmediacións de onde nos atopemos. Ademais,
dado “que se trata dunha ferramenta profesional”, TokApp Direct
coida a privacidade dos usuarios encriptando a información que se
envía sen almacenala en ningún servidor intermedio. Por outra
banda, o rexistro inicial non depende dun número de teléfono,
podendo facerse a través de correo electrónico mesmo en tablets
sen tarxeta SIM.
