Os teléfonos de emerxencia da Xunta terán servizo de videointerpretación

luns, 9 de xullo do 2018 Redacción

O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, e a directora da AMTEGA, Mar Pereira, asinaron hoxe un convenio de colaboración coa Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia (FAXPG) co fin de facilitar a relación das persoas xordas, con dificultades auditivas, ou xordocegas coa Administración pública.
Coa sinatura de hoxe amplíanse o número de servizos aos que se pode acceder a través do sistema de videointepretación, xa que a partir de agora todos os teléfonos de emerxencia da Xunta disporán do servizo de videointerpretación, entre os que se atopan o 112, o teléfono 085 de incendios forestais; o teléfono da Muller, ao Social, do Voluntariado e da Infancia; o da Saúde en liña; e o 065 de apoio á mobilidade persoal.
Ademais de ampliar os servizos, incorporase unha nova vía para acceder a eles xa que ata agora, o sistema de videointerpretación estaba dispoñible de forma presencial a través de terminais localizados en distintas oficinas públicas e en liña, para o que se precisaba dun ordenador con webcam. Ponse en marcha unha aplicación móbil para o sistema de videointerpretación o que supón tamén un importante avance en accesibilidade.
A Xunta xa contaba cun sistema de videointerpretación para que as persoas xordas puideran acceder ao servizo telefónico de atención á cidadanía (o 012), o 061, e ao teléfono de consultas sanitarias e agoar dáse un paso máis a prol da integración plena e da igualdade de oportunidades entre as persoas con dificultades auditivas ademais de garantir a igualdade de acceso de todos e todas aos servizos das administracións.
Nesta mesma liña, o Goberno galego vén colaborando dende o ano 2009 coa Federación para desenvolver programas para mulleres en situación de especial vulnerabilidade e para facilitar a atención psicolóxica das vítimas de violencia de xénero con discapacidade auditiva.

PUBLICIDADE