Ourense crea a primeira unidade estatal de drons para situacións de emerxencia
martes, 26 de decembro do 2017
A Deputación de Ourense
vén de impulsar a
primeira unidade de drons para situacións de emerxencia do
territorio estatal. Esta iniciativa, en palabras dos seus
responsábeis “un gran avance para o sector das emerxencias en
España”, implicou (entre outras cousas) o fornecemento de
formación avanzada para os bombeiros do Consorcio Provincial de
Ourense. O adestramento, subministrado pola empresa
galega Aerocámaras durante o mes de outubro, permitiulles aos
efectivos do Consorcio (Servizo contra Incendios e de Salvamento)
obter o título homologado pola Academia Galega de Seguridade Pública
así como o certificado oficial de AESA. Todo este proceso formativo
e de adaptación traducirase, ante todo, nunhas meirandes
efectividade e capacidade de resposta ante todo tipo de emerxencias,
como a localización e o rescate de persoas, os lumes forestais e
urbanos, o salvamento marítimo ou os accidentes de mercadorías
perigosas.
Entre os obxectivos deste
curso están os de subministrar os coñecementos e a capacidade de
apoiar aos equipos intervenientes para a visualización remota de
espazos afectados, transporte de material e outras accións de apoio
aéreo.
A formación de
Aerocámaras está destinada a persoal profesional ou voluntario dos
servizos de prevención, extinción de incendios e salvamento que
traballan en situacións de emerxencias de todo tipo. A empresa, con
sede en Ourense, formou na súa primeira convocatoria ao consorcio de
bombeiros de España na pilotaxe de drons, sendo o de Ourense o
primeiro en obter o título homologado pola Academia Galega de
Seguridade Pública (Xunta de Galicia) á vez que obtivo o
certificado oficial da Axencia Estatal de Seguridade Aérea para ser
Piloto Profesional de Drons.
O pleno do Consorcio
Provincial aprobou tamén o orzamento para a compra do dron híbrido
AeroHybrix, que sería, segundo informa Aerocámaras, a aeronave con
maior tempo de voo do mercado.
Volvendo á unidade de
drons ourensá, sinalar que ten a súa base operativa no Parque de
Bombeiros do Carballiño – Ribeiro, achegando dispoñibilidade para
o 112 ou para calquera concello da provincia. O presidente do
Consorcio Provincial de Ourense para o Servizo contra Incendios e
Salvamento, Pablo Pérez, explicou (en relación á devandita compra
dos drons híbridos de Aerocámaras) que esta medida busca impulsar a
calidade das emerxencias “xa que a tecnoloxía dos drons pode ser
aproveitada dunha maneira efectiva en situacións de risco debido á
dispoñibilidade de aeronaves híbridas”. Estas, como lembraremos,
teñen unha capacidade de voo de 4 horas (sen carga) e de 2,5 horas
(cun peso de ata 5 quilogramos), o que supón unha importante vantaxe
con relación aos vehículos aéreos convencionais, que non adoitan
ir alén dos 25 minutos de autonomía. De feito, o dron de
Aerocamaras é quen de transportar material de emerxencias, como son
boticas anexas ou salvavidas, e tamén ten capacidade para facer un
recoñecemento de áreas xeográficas concretas equipado con
distintos tipos de sensores.