Ozona, compañía galega centrada na virtualización dos procesos de empresas e institucións, vén de dar a coñecer importantes novidades acerca do segundo Fórum Internacional ISO 20000 que vai desenvolver en Lisboa o vindeiro 30 de setembro, logo dunha primeira edición, celebrada en outono do ano pasado, que colleitou importantes éxitos a nivel de coñecemento, intercambio de datos e competitividade empresarial. Segundo se apunta, Ozona contará entre outras bazas coa presenza de Vernon Lloyd, un dos máis salientables especialistas no ido ITIL e presidente electo do Instituto de Xestión de Servizos TI. Compre lembrar que as siglas ITIL refírense á Biblioteca de Infraestruturas de Tecnoloxías da Información (Information Technology Infrastructure Library) e consiste nun marco de traballo mundial das mellores prácticas destinadas a facilitar a entrega de servizos de tecnoloxías da información.
Lloyd, que ten tras de si máis de 35 anos de experiencia no sector das novas canles e ferramentas do coñecemento, desenvolvendo en boa medida funcións de xestión e asesoramento a organizacións de todo o mundo, é membro do consello asesor da Xunta de Exame de Sistemas de Información, ISEB. Na súa compareciencia en Lisboa, da man de Ozona, explicará as grandes novidades do devandito eido ITL, revisado polo miúdo recentemente, así como as características aplicadas para adaptar este ámbito á nova ISO 20000:2011. Amais de Vernon Lloyd, tamén intervirán ampliamente no foro Lynda Cooper (editora principal do estándar internacional ISO 20000 parte 1) e Diego Berea (editor principal do estándar internacional da dita norma parte 7 e director de Ozona), entre outros especialistas na materia.
Ozona contará con Vernon Lloyd para o seu segundo foro de Lisboa
Compartir Este Artigo
