Paramount Network despídese da TDT

mércores, 22 de outubro do 2025 Redacción

A Televisión Dixital Terrestre (TDT) en España perderá outra das súas referencias a finais de ano. Paramount Network, canle especializada en cine e series, anunciou que cesará as súas emisións o vindeiro 31 de decembro de 2025, converténdose así na terceira canle en aberto que desaparece nun período de doce meses, tras Disney Channel e Gol Play.
Propiedade da recentemente fusionada Paramount Skydance Corporation, a canle chegou ao panorama televisivo español en marzo de 2012, nun contexto moi diferente ao actual. Con audiencias que se moveron entre o 1 % e o 1,5 % de cota nos últimos anos, a súa saída responde a unha reestruturación global da compañía, que inclúe tamén o peche das canles musicais de MTV en Europa e un axuste orzamentario de 500 millóns de dólares.
A xestión de Paramount Network en España estaba en mans de Net TV, e polo momento descoñécese quen asumirá a súa licenza, aínda que non parece que vaia haber grandes proxectos para ocupar tal espazo na grella, en vista do pouco interese que espertou o concurso para unha nova canle de TDT que vén de iniciar o Goberno.