Patricia Argerey visita o laboratoiro UVigo Spacelab, responsábel do nanosatélite BIXO
martes, 19 de decembro do 2023
A
directora
da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, visitou este 19
de decembro as instalacións de UVigo Spacelab, asociación
xurdida no marco da Universidade de Vigo á que a Xunta, a través de
GAIN, presta apoio no marco do Polo Aeroespacial de Galicia no
desenvolvemento do proxecto de nanosatélite BIXO.
Argerey
destacou que proxectos como o de UVigo Spacelab son “mostra do
espírito emprendedor do alumnado galego e valorou que o talento é
un piar básico do sistema de innovación, desenvolvemento de
tecnoloxía e investigación”. Na visita, a directora foi a
encargada de colocar o primeiro subsistema completo recibido por
UVigo SpaceLab na sala limpa.
Segundo
explicaron os responsábeis do laboratorio, o CubeSat BIXO será
enviado ao espazo no ano 2025 nunha misión que ten por obxectivo
“analizar como lle afecta a unha poboación bacteriana a exposición
prolongada ao medio espacial”.
O
lanzamento será operado pola China Academy of Launch Vehicle
Technology (Academia Chinesa de Tecnoloxía de Vehículos de
Lanzamento), xa que BIXO foi recoñecido como mellor deseño de
misión para a súa posta en órbita na 1ª edición do IAF-CSA Space
Universities CubeSat Challenge (IAF-CSA SUCC), concurso organizado
pola IAF en cooperación coa Chinese Society of Astronautics (CSA) e
a Dalian University of Technology (DUT) para o lanzamento gratuíto
dun CubeSat.
UVigo
SpaceLab traballou durante este ano no desenvolvemento dos
compoñentes do CubeSat BIXO, así como as infraestruturas necesarias
en terra, acadando durante este 2023 os seguintes fitos:
organización dunha visita para dar a coñecer o modelo de enxeñaría
e de voo de TOTEM (o modelo de comunicacións que levará BIXO
proporcionado pola empresa aeroespacial galega Alén Space) e a
certificación mediante tests de vibración e termobaleiro da
plataforma do satélite.
UVigo
SpaceLab é un equipo multidisciplinar creado en 2020 que está
integrado por 33 estudantes universitarios dedicados ao deseño,
fabricación e operación de pequenos satélites e misións espaciais
dentro do ámbito educativo. Os seus integrantes son alumnos e
alumnas de diferentes graos da Universidade de Vigo (Enxeñaría de
Telecomunicacións, Enxeñaría Aeroespacial, Enxeñaría Industrial,
Enxeñaría da Enerxía, Enxeñaría informática, Bioloxía,
Administración e Dirección de empresas, ...).