Plex para Xbox One e PS4 pasa a ser de balde

xoves, 17 de decembro do 2015 Marcus Fernández

Durante o outono do ano pasado o célebre xestor multimedia Plex estreou versión para Xbox One, e hai un ano a aplicación estreou versión para PlayStation 4, pero en ambos casos estabamos ante versións da aplicación que carecían de utilidade para case todos os usuarios das consolas de nova xeración, porque para poder tirar proveito da aplicación era necesario gozar dunha subscrición a Plex Pass, un servizo de pagamento que facilita a sincronización de Plex en varios dispositivos a través da nube, pero a cousa mudou esta semana, de xeito que as consolas de nova xeración xa teñen as funcionalidades básicas deste ferramenta totalmente de balde.
Deste xeito, os usuarios dalgunhas das consolas mencionadas poden, por exemplo, instalar no seu ordenador persoal o Plex Media Server (aplicación totalmente de balde, tamén dispoñible para algúns NAS), o que permite enviar a través da rede local doméstica os contidos multimedia que estean almacenados no equipo. Así, os usuarios de PS4 e Xbox One poden instalar o cliente de Plex na súa consola, para poder acceder a contidos como episodios de series de televisión e películas dun xeito moi visual (coas súas portadas e sinopses) e poden incluso gozar dos seus subtítulos se corresponde, evitando así ter que andar movendo o material en unidades de memoria USB ou discos ópticos para a súa reprodución, xa que os contidos reprodúcense directamente a través da rede doméstica.
Os usuarios que opten por pagar polo Plex Pass poderán gozar de funcións avanzadas como sincronización dos contidos con aplicacións móbiles, a posibilidade de xestionar contas de usuario, gozar de trailers e contidos adicionais ou incluso sincronizar as fotografías do móbil ou a tableta con Plex Media Server.
A combinación de Plex Media Server e as súas aplicacións clientes permiten que os seus usuarios gocen dunha experiencia moi semellante á de Netflix, pero en vez de estar os seus contidos en servidores na Rede, son os propios que almacene localmente o usuario, facilitando a súa reprodución distribuída (o que agradécese especialmente no ámbito familiar, xa que con ter os contidos nun único equipo ábrese a súa reprodución ao resto dos dispostiivos).