Plex sobe o prezo da súa subscrición e pon cancelas á reprodución remota

mércores, 19 de marzo do 2025 Marcus Fernández

Unha das principais solucións para a organización e reprodución de contidos audiovisuais, Plex, ofrece a meirande parte das súas prestacións completamente de balde, sustentando o seu negocio en subscricións de pagamento coñecidas como Plex Pass, que tras máis de 10 anos sen mudar os seus prezos opta por a impopular decisión de incrementar o prezo das subscrición e mudar as súas condicións.
A partir do 29 de abril as tarifas mensual, anual e vitalicia de Plex Pass pasarán de custar 4,99, 39,99 e 119,99 dólares a 6,99, 69,99 e 249,99 dólares respectivamente., o que anuncian con antelación para que os interesados nunha subscrición vitalicia poidan contratala antes do cambio de prezo.
Pero ese non é o único cambio, xa que mudan as condicións do acceso a servidores remotos de Plex (onde se localización os ficheiros a reproducir), que deixará de ser de balde se o usuario que ten o servidor non conta con Plex Pass, de xeito que, ou o propietario do servido contrata Plex Pass para permitir usuarios fóra da súa rede local, ou os usuarios que se conectan remotamente terá que contratar Remote Watch Pass, que terá un prezo de 1,99 dólares/mes ou 19,99 dólares/ano.
Este cambio si ten unha parte positiva, xa que as aplicacións móbiles de Plex eliminan agora as súas tarifas de activación (que en iOS era de 5,99 euros) para permitir reproducións de duración ilimitada, evitando así un atranco para gozar de Plex en mobilidade.
Estes cambios buscan facer sustentable o negocio de manter Plex, solución que non cesa de incorporar novidades e de manter servizos en liña que axudan a levar coleccións audiovisuais a ordenadores, consolas, televisores, móbiles... simplificando moito o proceso para poder gozar do que poderiamos describir como un Netflix persoal, e os que non queiran gozar das funcións máis avanzadas, teñen alternativas completamente de balde.