Premiada polo seu traballo en computación a investigadora do CITIC Beatriz Salvador

martes, 16 de xullo do 2019 Redacción

O pulo investigador do Centro de Investigación TIC da Universidade da Coruña, o CITIC, vén de recibir un novo e importante recoñecemento. A distinción, desta volta, foi dar á investigadora Beatriz Salvador, que a semana pasada gañou o premio da revista Journal of Computational Finance ao mellor traballo presentado por unha investigadora ou investigador novo no congreso internacional sobre fintech e cálculo avanzado ICCF2019, do que falamos os días pasados dende Código Cero para salientar o importante número de expertos convocados ao seu abeiro e, tamén, dos galardóns entregados durante o seu transcurso.
Segundo informa o CITIC, o premio finalmente obtido por Beatriz Salvador foi un galardón moi competido, pois aspiraban a el 19 mozos investigadores con traballos moi destacados. Finalmente o recoñecemento foi compartido con Anastasia Borovnik, do CWI de Amsterdam.
A investigación de Beatriz Salvador propón novos modelos de cálculo de XVA en risco de contrapartida, ademais de analizalos matematicamente e resolvelos de xeito numérico para opcións americanas.
Tras defender a súa tese doutoral en decembro de 2018 como membro do grupo M2NICA e do CITIC, Beatriz está agora cun contrato posdoutoral ERCIM no CWI de Holanda.

PUBLICIDADE