Premiado un investigador da UVigo polas súas contribucións á seguridade viaria con nubes de puntos
venres, 31 de xullo do 2020
Poden
as tecnoloxías actuais evitar atropelos e accidentes e converter as
rúas e as estradas en espazos máis seguros para os viandantes? Se
temos en conta os resultados do traballo máis recente do
investigador Jesús Balado, membro do grupo de Xeotecnoloxías
Aplicadas da Universidade de Vigo, a resposta só pode ser afirmativa
se mire por onde se mire. Segundo nos conta a UVigo, na súa tese
Balado afondou na creación de mapas para calcular rutas seguras para
viandantes. Estes
mapas de peóns xerados a partir de nubes de puntos merecéronlle a
obtención do Premio Abertis sobre Seguridade Viaria.
O
investigador quixo reivindicar as posibilidades que abre a creación
de mapas de nubes de puntos, cos que é posible clasificar os
elementos do solo urbano (beiras, escaleiras, ramplas) e, con esa
información, dar forma a un mapa que nos axude a calcular rutas
reais e seguras para camiñantes, transitando por beirarrúas ou
cruzando pasos de peóns. A través destas tecnoloxías tamén se
salva un dos principais escollos que poñen no camiño aplicacións
como Google Maps, que xeran itinerarios que na práctica non son
viables para o seu uso por parte dos peóns, ao estar baseados
principalmente en mapas de estradas, o “que se traduce en que o
itinerario proposto transcorre por unha vía que pode non ter
beirarrúas aos lados ou cruzar por lugares que non son seguros”.
Outra das vantaxes da técnica que propón Balado na súa tese é a
posibilidade de comprobar se as zonas a transitar son accesibles,
diferenciando traxectos para individuos con mobilidade reducida e os
que non a teñen.
Esta
alternativa centra a tese de doutoramento Classification and
modelling of urban environments from point clouds for physical
accessibili-ty diagnosis and pedestrian pathfinding, de Jesús
Balado, gañador do Premio Abertis 2019 sobre Seguridade Viaria,
dotado con 7000 euros.
A
Cátedra Abertis, promovida polo grupo internacional en xestión de
infraestruturas para a mobilidade e as comunicacións, a súa
fundación, a Universidade Politécnica de Catalunya e a Universidade
Politécnica de Madrid, creou no ano 2016 o devandito recoñecemento,
dirixido a distinguir estudos e traballos de investigación inéditos
realizados por alumnado universitario que contribúan a mellorar a
seguridade viaria, a mobilidade sustentable, responsable e segura.
O
investigador do grupo de Xeotecnoloxías Aplicadas atópase
actualmente, cunha bolsa posdoutoral da Xunta, realizando unha
estadía internacional na Universidade Técnica de Delf, nos Países
Baixos, onde prosegue co seu traballo sobre as nubes de puntos.
“Agora mesmo sigo investigando en nubes de puntos, non unha
aplicación tan directa como a tese de doutoramento, senón o uso das
nubes como modelos e no estudo e corrección das oclusións”,
detalla Balado, que considera que afondando neste aspecto teórico
poderán usarse as nubes de puntos para máis aplicacións no futuro.
