Preocupación polo cambio das condicións de uso de TikTok nos EE.UU.

luns, 26 de xaneiro do 2026 Redacción

Grande preocupación pola actualización das políticas de privacidade e termos de servizo de TikTok nos Estados Unidos tras o cambio corporativo do servizo imposto pola Administración Trump (que fai que a aplicación dependa dunha nova sociedade chamada TikTok USDS Joint Venture LLC).
A principal novidade é que TikTok poderá recoller datos de localización precisos, sempre que o usuario o permita nas súas configuracións. Ata agora, a política estadounidense limitábase á localización aproximada, malia que a aplicación xa empregaba información do SIM ou do enderezo IP. A empresa insiste en que esta recollida será opcional e desactivada de xeito predeterminado, e que se aplicará “de acordo coa lei vixente”.
A actualización dos termos tamén fixo saltar alarmas nas redes sociais pola inclusión explícita de categorías como raza, identidade de xénero, orientación sexual, crenzas relixiosas ou status migratorio. Moitos usuarios interpretaron que TikTok comezaría a rastrexar activamente esta información. Esta linguaxe xa estaba presente en políticas anteriores e responde a obrigas legais, pero o contexto político actual nos EE.UU. provoca unha grande desconfianza nos usuarios (pois podería facilitarse unha maior vixilancia dixital, especialmente no ámbito da inmigración).
A reacción masiva nas redes sociais evidencia que moitos usuarios están lendo por primeira vez unhas políticas que, en boa medida, xa existían. A combinación de cambios reais (como a localización precisa) e linguaxe legal complexa está alimentando confusión e desconfianza. Tanto expertos como medios especializados coinciden en que a clave está en comprender que a maior parte da información sensible só se procesa cando o propio usuario a comparte no contido que publica ou crea dentro da aplicación.