Prepárase o adeus para as cabinas e as guías telefónicas

martes, 17 de xullo do 2018 Marcus Fernández

A Comisión Nacional dos Mercados e a Competencia leva bastante tempo criticando que as cabinas telefónicas sexan consideradas un servizos universal, de xeito que o Estado ten que sufragar o seu mantemento (cada vez máis caro) pese a que o seu uso é practicamente nulo, e finalmente a CNMC publicou un informe sobre a proposta de modificación do Real Decreto sobre as guías telefónicas ao servizo de información sobre números de abonado e os teléfonos públicos de pagamento a petición da Dirección Xeral de Telecomunicacións e Tecnoloxías da Información da SESIAD, dando luz verde á erradicación destas rémoras do pasado, que na actualidade carecen da utilidade que as xustificaba no seu momento.
No seu informe a CNMC confirma que non hai razón para manter as guías telefónicas e as cabinas, adxudicadas de xeito forzoso a Telefónica até o 31 de decembro de 2018, por ter quedado deserto o concurso correspondente (xa que carecen de interese para ningunha compañía), así como dos números de información telefónica (que consideran que xa atende o mercado).
Temos así que 2019 podería ser un ano histórico, xa que suporía a desaparición das cabinas telefónicas da paisaxe urbana, polo que consideran convinte analizar o uso comercial que pode darse a estes elementos que ocupan espazos públicos e aos que podería darse unha segunda vida (por exemplo, en Andalucía hai un proxecto para convertelas en cargadores para móbiles con pantallas interactivas).

PUBLICIDADE