Presentados dous proxectos TIC galegos para axudar aos doentes cardiovasculares e con deterioro cognitivo
luns, 28 de novembro do 2016
- Lorenzo Rodríguez Currais, CEO de Balidea, nun intre da presentación desenvolvida no CHUS
A
Aula da Innovación do CHUS acolleu este luns a presentación de dúas
tecnoloxías galegas destinadas a favorecer o envellecemento activo
e, nun plano máis concreto, a loitar contra os estragos na nosa
calidade de vida que desencadean dúas doenzas de forte presenza na
nosa terra: o proxecto PREBENCAR, destinado a pór en práctica
medidas para evitarmos doenzas cardiovasculares, e o proxecto RISING,
dirixida a mellorar o día a día das persoas con deterioro cognitivo
leve (xeralmente fallos de memoria que non impiden a autonomía
diaria). Na presentación ante os medios participou parte do equipo
da empresa Balidea,
co-desensolvedora de ámbalas tecnoloxías. Tamén concorreron
profesionais de ImaGames
(co-desenvolvedora de PREBENCAR) e de FrutoDS
e Atendo (co-desenvolvedoras de
RISING). Igualmente, interviñeron representantes do CHUS,
salientando as importantes vantaxes e oportunidades que se abren coas
dúas tecnoloxías, e máis para un territorio coma o noso, galego,
fortemente envellecido (agora e, sobre todo, nas seguintes décadas).
Segundo
coincidiron, favorecer que as persoas maiores nos anos vindeiros
estean mellor atendidas e teñan máis calidade de vida non é só
unha responsabilidade social, humana e tecnolóxica, “é tamén
unha oportunidade para xerarmos innovación e emprego e evitar así
que os nosos profesionais das TIC e da saúde teñan que buscar
traballo fóra”.
No
acto de prensa deuse a coñecer que PREBENCAR e RISING estarán
prontas para empregarse pola poboación a mediados de 2018. En
ámbolos proxectos participan, amais das empresas devanditas
artelladas en consorcios, a Fundación Ramón Domínguez, o Centro de
Singular de Investigación en Tecnoloxías da Información (CiTIUS,
no primeiro dos casos) e o Instituto Tecnolóxico de Matemática
Industrial (ITMATI, no segundo dos casos).
Ademais
do devandito e de pertencer ao ámbito da eSaúde e do envellecemento
activo comparten a seguinte razón de ser: xorden das necesidades
asistencias detectadas por profesionais sanitarios e céntranse, de
diferente maneira, en favorecer o “empoderamento” dos pacientes
(cardiovasculares no caso de PREBENCAR e de doenzas de deterioro
cognitivo, tipo alzhéimer ou demencia, no caso de RISING). Ou sexa,
céntranse en impulsar a capacidade dos doentes para seren autónomos
e, tamén, de constituírense eles mesmos en elementos dinámicos e
activos da súa saúde e dos seus procesos de mellora.
A
maiores do devandito, os dous proxectos comparten o seguinte: están
co-financiados pola Axencia Galega de Innovación (GAIN) co apoio da
Consellería de Economía a través do programa Conecta PEME (que
conta con financiamento do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional,
FEDER, da UE).
PREBENCAR
O
proxecto PREBENCAR, polas súas siglas Asesor Virtual Intelixente
para a Prevención e o Benestar Cardiovascular, foi presentado en
primeira instancia polos médicos do CHUS José Ramón
González-Juanatey (xefe do Servizo de Cardioloxía) e Carlos Peña
(cardiólogo do CHUS). Ambos fixeron fincapé na necesidade de
habilitar canles de información efectivas e eficaces coa cidadanía,
canles que favorezan nela un papel activo na prevención e no
benestar. Segundo fixeron saber, os hábitos saudábeis reducen nun
80% o risco de doenzas cardiovasculares. “Malia isto e malia que
practicamente toda a poboación coñeza a natureza destes hábitos”,
sinalaron, “non só non se detecta unha freada da incidencia destas
doenzas, senón máis ben o contrario”. Polo tanto, son precisas
ferramentas para animar á cidadanía no seu papel de activo de
prevención (no caso de non sufrirmos este tipo de enfermidades) e de
benestar (no caso de que térmolas xa).
Logo
da intervención de González-Juanatey e Peña foi a quenda do
director executivo de Balidea, Lorenzo Rodríguez Currais, que
sinalou que dende o comezo un dos obxectivos de PREBENCAR foi o de
ser o escenario comunicativo real e eficaz que faltaba na devandita
preza de prevención. Trátase, sinalou, dunha tecnoloxía que ten
moito de intelixente, de fogar dixital, de minaría de datos e,
tamén, de gamificación (a práctica de trasladar ao mundo
real metodoloxías propias, de probada eficacia, do mundo dos
videoxogos e as aventuras gráficas).
Nun
plano máis concreto, sinalaron que se trata dun
asesor virtual intelixente para a prevención e o benestar
cardiovasculares. Busca achegar unha aplicación móbil que lles
permita aos pacientes autoxestionar a súa saúde cardiovascular,
promovendo a
actividade física, o descanso suficiente e
a alimentación cardiosaudábel,
evitando ademais
o sedentarismo e adiando
a dependencia.
En
definitiva, búscase facilitarlles aos cidadáns, aos profesionais da
saúde e aos servizos sanitarios a promoción de actividades de
prevención cardiovascular primaria a nivel poboación, procurando un
cambio en costumes e hábitos sociais, e dando resposta a un reto na
sociedade actual: acadar unha cultura cardiosaudábel a través dun
cambio de rol nas propias persoas. Segundo se fixo saber na
presentación, un dos principais avances de PREBENCAR
é “o seu alto nivel de personalización”.
A
tecnoloxía RISING
A
tecnoloxía RISING, pola súa banda, é un asistente para persoas con
deterioro cognitivo leve que propón terapias neurolóxicas baseadas
na actividade diaria. Segundo lembrou na presentación Luis
Barros, director de Innovación de Atendo, un dos grandes obxectivos
do proxecto é dar forma a unha “neta virtual” que achegue apoio
ás persoas maiores que viven soas, que teñen miúdos problemas de
memoria (que non lles impiden levar unha vida normal) e que precisan,
porén, unha axuda diaria para as súas actividades cotiás. Unha
axuda, por outra banda, que non lles supoña unha molestia e lles
sexa comprensíbel e asimilábel. Para Barros o envellecemento da
poboación galega é de feito motivo de preocupación, pero tamén
pode ser unha oportunidade para innovar, para dar o mellor de nós
mesmos a nivel de desenvolvementos sociais e, tamén, para crear unha
industria que evite a fuga de profesionais lonxe da nosa terra.
“Neste ámbito podemos facer cousas moi interesantes”, sinalou,
“asistindo tecnolóxica pero tamén emocionalmente aos nosos
maiores, empoderándoos e facilitándolles unha oportunidade clara de
envellecemento activo”.
A
un nivel máis concreto, RISING (Rich
Stimulation Daily Living) é un
asistente para persoas con deterioro cognitivo leve que propón
terapias baseadas na actividade diaria. Para facernos unha idea do
seu potencial, lémbranos facer cousas como tomar a medicación ou
levar a cabo do mellor xeito as nosas obrigas diarias. Igual que
faría un familiar de menor idade ou outra persoa maior que non
tivese problemas de deterioro cognitivo. De maneira significativa a
solución que vai aplicar o proxecto chámase NETA. De feito, o seu
obxectivo é reproducir no plano tecnolóxico a familiaridade entre
avós e netos.