Presentan un sistema intelixente que facilitará a toma de decisións no ámbito sanitario
venres, 9 de novembro do 2018
Está
mañá a sala de prensa da sede de Afundación na Coruña acolleu a presentación
dos resultados do proxecto Análise,
Deseño e Prototipado dun Sistema Intelixente de Apoio á Decisión Clínica no Ámbito
da Cardioloxía – Dra. MeKnow, iniciativa subvencionada pola Axencia
Galega de Innovación (GAIN) e apoiada pola Consellería de Economía, Emprego e
Industria da Xunta de Galicia, que tiña como obxectivo desenvolver un sistema
experto para a xestión integral do coñecemento médico que mellores os procesos
de toma de decisións sanitarias na práctica clínica diaria.
- Lorenzo Monserrat, CEO de Health in Code, salientou os esforzos económicos para levar un proxecto deste tipo a bo porto
O proxecto desenvolveuno un consorcio formado polas empresas Health in Code, S.L., Allenta Consulting, S.L. e Antón Campos Consultores, S.L., que estiveron presentes no acto no que deron conta deste traballo desenvolvido ao longo de 27 meses, cun orzamento de execución superior ao millón de euros, do que a metade foi subvencionado a través da convocatorio Conecta PEME 2016 no marco do programa operativo FEDER Galicia 2014-2020.
Este desenvolvemento TIC orientado ao sector da saúde nace da necesidade de sistemas de xestión intelixente do coñecemento médico e de soporte á toma de decisións, cada vez máis importante ante un contorno no que os clínicos e facultativos deben tomar decisións continuamente nas súas consultas baixo moita presión e en pouco tempo.
- Jorge Rodríguez, xefe de proxecto de Dra. MeKnow, debullou o proxecto e detallou as súas complexidades
Grazas á que a información de saúde está a almacenarse en soportes electrónicos
(como as historias médicas electrónicas) e a inmensa cantidade de coñecemento
médico que se xera constamente (e que non resulta abarcable para un profesional
individual), o poder aplicar todo isto mediante un sistema experto que garanta
a calidade e a seguridade das decisións, diminúa os erros humanos, facilite a
xeración de informes médicos e presente o coñecemento médico necesario ao
profesional sanitario no contexto e momento axeitados para a toma de decisións
é unha demanda moi clara que este proxecto galego buscaba atender.
Decidiron así desenvolver un asistente intelixente chamado Dra. MeKnow, para
dar soporte ao proceso asistencial e mellore a súa calidade, que apoie ao
profesional sanitario na toma de decisións e que converta aos sistemas
informáticos en aliados do profesional sanitario durante os puntos críticos de
diagnóstico e tratamento e non limite o uso da informática a unha mera
ferramenta para xerar documentación.
Para iso tiveron que recompilar, analizar, estruturar e organizar variables
clínicas, deseñar regras e algoritmos, desenvolver un modelo de datos axeitado
para almacenar e explotar o coñecemento médico, desenvolver un contorno usable
para ensinar ao sistema, desenvolver
un contorno web en tempo real para interactuar con el, elaborar un caso de uso (proba
de concepto) no ámbito da cardioloxía e elaborar software que sirva como prototipo
para demostrar a súa viabilidade como produto. Para tal traballo contaron cun
equipo multidisciplinar (formado por licenciados en Medicina, Bioloxía e
Matemáticas, así como tamén enxeñeiros en Informática) ao abeiro das empresas
que forman o consorcio que desenvolveu o proxecto, contando tamén co soporte do
Centro de Investigación en Tecnoloxías da Información e a Comunicación (CITIC)
da Universidade da Coruña a través da súa subcontratación.
Tras todo este longo desenvolvemento conseguiuse crear unha solución que
almacena o coñecemento médico de xeito estruturado, organizado e flexible;
permite que os profesionais clínicos poidan introducir recomendacións
científicas e probar o seu comportamento con casos clínicos a través dunha
interface amigable; conta cun prototipo funcional do motor de inferencias que
procesa o coñecemento médico introducido e aplícao aos diferentes casos
clínicos; permite achegar ao profesional sanitario a xeración dun informe de
atención combinado coa información clínica do paciente coas recomendacións
xeradas; e facilita a presentación ao profesional sanitario do coñecemento
necesario e actualizado para a toma de decisións diagnósticas e terapéuticas
personalizadas.
Resta agora a obtención dun sistema definitivo, empaquetando cada un dos elementos do sistema, para que poida explotarse de xeito masivo e en contornos reais de produción, continuando tamén a incorporar ao sistema coñecemento clínico e procurar clientes nos que poida realizarse unha implantación desta prometedora solución no ámbito da eHealth.
- Lorenzo Monserrat (CEO de Healt in Code), Jorge Rodríguez (xefe de proxecto de Dra. MeKnow), Roberto Moreda (xerente de Allenta Consulting) e Pablo Iglesias (director técnico de Dra. MeKnow) tras a presentación do proxecto