Preséntase Palleira.gal, o catálogo aberto do patrimonio de Combarro

martes, 24 de outubro do 2017 Redacción

Este sábado 21 de outubro celebrouse na Escola do Campo de Combarro o lanzamento oficial da web Palleira.gal, unha iniciativa da asociación Xeopesca destinada a materializar e afianzar un catálogo dixital libre dos bens de interese cultural do casco histórico de Combarro. No acto fíxose saber, a maiores, que se trata dun proxecto que contou co apoio da Xunta (Plan de Acción do Software Libre de AMTEGA) e que o seu nome (Palleira.gal) alude directamente ao xeito de denominar os horreos da veciñanza de Combarro: palleiras. Á presentación asistiron unhas trinta persoas, incluíndo representantes de Xeopesca (Xosé Rial), O Zulo (Alberto Permuy), o Concello de Poio (Xulio Barreiro) e AMTEGA (Eladio Otero).
Xosé Rial espuxo os obxectivos de Palleira.gal (amosar información detallada dos emblemáticos elementos da vila pontevedresa), os porqués do nome do proxecto e as súas orixes. Ao fio disto último, sinalou que a iniciativa é herdeira doutros proxectos anteriores como aculturadaauga.org e abeancos.gal, levados a cabo en Mugardos e Melide, respectivamente. Rial tamén expresou a súa confianza en que o proxecto presentado en Combarro sirva “non só para divulgar o patrimonio do casco histórico da vila de Combarro, senón tamén para ofrecerse como modelo co fin de que o facho da cultura local continúe a alumearse noutras comarcas e vilas”.
Xeopesca lembrou igualmente o traballo despregado pola asociación A Solaina, cuxa colaboración, sinalou Rial, “foi fundamental para o desenvolvemento do proxecto”. Tamén agradeceu á Concellería de Patrimonio e da oficina do ARI de Combarro a cesión de información “que enriqueceu a iniciativa”, así como a colaboración das familias propietarias das palleiras, “piares fundamentais da plataforma-catálogo ao proporcionar información sobre estes elementos e a súa contorna”.
Segundo explicou Rial, Palleira.gal tamén é un proxecto etnográfico, que revela os costumes que tiñan as familias, e que “nos axuda a comprender mellor o pasado”, unha condición imprescindíbel, engadiu, “para percorrer do mellor xeito as calellas do futuro”.
No acto tamén se informou das mans que están a impulsar o catálogo, unha equipa multidisciplinar impulsada por Xeopesca e especializada en diferentes eidos de traballo (arquitectura técnica, enxeñaría técnica informática, historia, tradución e interpretación…), formada por Manuel Pastoriza, Pablo Belay, David Belay, Verónica Castiñeira, Andrés Dacosta, Tamara Andrés, Alberto Permuy e Xosé Rial.
Palleira.gal foi creado con dous obxectivos básicos: por unha banda coñecer e recoñecer o contexto histórico e social no que foron construídas e empregadas as palleiras en Combarro; pola outra, achegar un catálogo de palleiras individual e pormenorizado no que se ofrecerá a súa xeolocalización e incorporará tanto características arquitectónicas como aquelas aportadas pola intrahistoria familiar.
O catálogo acubilla arestora 8 hórreos. Xeopesca anunciou que de maneira periódica publicará un novo elemento até chegar ás 76 palleiras existentes no casco histórico. “Esta estratexia”, explicou Rial, “permitirá ter unha web dinámica con actualizacións durante todo o ano”. Unha vez cubertos todos os hórreos, catalogaranse outros bens existentes no casco vello coma os cruceiros. Xeopesca non desbota ampliar o marco xeográfico até cubrir zonas máis amplas, toda a parroquia ou mesmo o concello. Todo este traballo poderase seguir a través da web e das redes sociais coas que contará o propio proxecto.
Por cada ben rexistrado mostrarase unha imaxe do elemento, a súa xeolocalización, a súa tipoloxía, o seu enderezo, a accesibilidade, o seu estado, o século e ano de construción, a propiedade, o uso que se lle dá e o tipo de protección que posúe. Ademais, visualizarase unha descrición detallada do elemento, amosaranse as súas dimensión e identificaranse as distintas partes do ben. Igualmente, amosarase información sobre a historia familiar dos propietarios de cada palleira.
Rial tamén incidiu en que o proxecto tecnolóxico utilizado por palleira é software libre, indicando que calquera pode descargar o proxecto, estudalo, instalalo e mesmo melloralo.
Alberto Permuy, pertencente a asociación O Zulo de Mugardos e principal desenvolvedor do sitio web do que xurdiron non só Palleira.gal, senón tamén os desvanditos catálogos dixitals Aculturadaauga.org e Abeancos.gal, lembrou os comezos “dun proxecto que permitiu crear un catálogo dixital de lavadoiros en Mugardos” e amosou a súa satisfacción na capacidade de espallamento deste proxecto, que chegou primeiro en Melide, despois a Poio e, en datas vindeiras, tamén a Teo (A Coruña).
No apartado tecnolóxico, Permuy comentou que Palleira.gal supón “un avance con respecto aos outros portais” e centrou a súa intervención en dous apartados: no software libre e na facilidade de acceso a datos. No primeiro punto, comentou “a facilidade de instalación do proxecto”, xa que o código publicado baixo licencia GPL é público, e “o empaquetado da plataforma facilita a súa instalación por calquera programador”. Tamén fixo fincapé nas facilidades para a descarga dos contidos (fotos e textos) de Palleira.gal a través de formatos estruturados e libres.
Xulio Barreiro, concelleiro de Patrimonio de Poio, felicitou a Xeopesca polo traballo realizado e comentou que o catálogo dixital “aumenta o coñecemento sobre un dos emblemas de Combarro, as palleiras”. Para rematar a rolda de prensa, interviu o xefe de innovación tecnolóxica da AMTEGA, Eladio Otero, quen comentou que a iniciativa forma parte do convenio que a Xunta de Galicia asinou coas asociación de software libre de Galicia, así como a asociación empresarial AGASOL dentro do Plan de Acción do Software Libre 2017. Otero apuntou a maiores que “un proxecto tecnolóxico baseado no software e contidos libres beneficia a toda a sociedade a través da mostra, neste caso, de bens de interese cultural”.