Presenza galega nos proxectos 5G que participan na convocatoria de Red.es

xoves, 10 de xaneiro do 2019 Redacción

Red.es vén de facer públicas as solicitudes ás axudas ao desenvolvemento de proxectos piloto de tecnoloxía 5G lanzada pola entidade dependente do Ministerio de Economía e Empresa. Segundo fai saber, a resposta do sector foi ampla, ao recibirse un total de once peticións. Como lembraremos, esta convocatoria está dotada cun orzamento máximo de 20 millóns de euros para dous proxectos piloto e co-finánciase a través do Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), a cargo do Programa Operativo Plurirrexional de España (POPE).
Na ducia de empresas que participan na convocatoria atópase a galega Cinfo, empresa emprazada no edificio CITIC da Coruña e centrada en servizos de analítica de vídeo e intelixencia artificial para o ámbito da televisión.
As solicitudes, que representan un orzamento agregado de 128 millóns de euros, responden na súa meirande parte a unións temporais de empresas (UTE) e, tal e como esixía a convocatoria, oriéntanse a un ámbito territorial de actuación.
As empresas e institucións que concorren ás axudas son Orange, Nokia, IECISA, Vodafone, Ericsson, Telefónica, Telnet, Cinfo, Centro Internacional de Oftalmoloxía Avanzada, Idronia Multimedia, Huawei, Axión, Mola TV, Montcau Produccions, Inspide, Etra, BAY, ZTE, Xfera Móbiles, NAE Comunicacions, Deep Technology, Unmaned Teknologies, Fundación Valenciana para a Investigación, Promotora de Redes Compartidas, Euskaltel, Universidade de Navarra, Centro Tecnolóxico CEIT-IK4, Datik, Fundación Vicomtech, Atrebo e Compañía del Tranvía de San Sebastián.
Segundo informa Red.es, as propostas presentadas abranguen múltiples casos de uso que aproveitan as vantaxes da tecnoloxía 5G en sectores como servizos de saúde, seguridade e emerxencias, audiovisual e multimedia, vehículos conectados, agricultura, Industria 4.0, turismo, aplicacións de realidade virtual e aumentada, control de drons, acceso fixo por radio ou supervisión de infraestruturas.
Tras a fase de subsanación, que conclúe o día 14, procederase á avaliación das propostas aplicando os criterios previstos nas bases.

PUBLICIDADE