Prince elimina a súa música dos servizos de streaming

xoves, 2 de xullo do 2015 Marcus Fernández

Aínda que daba a impresión de que co lanzamento de Apple Music a industria musical parecía aceptar definitivamente o streaming como método de distribución da súa música, parece que aínda non están todos os artistas conformes, e incluso músicos que tiñan a súa música dispoñible baixo tal formato mudan de idea, e nas últimas horas vimos como Prince retirou os seus temas da meirande parte de servizos deste tipo como Spotify, onde ao consultar a ficha do artista podemos ler que “o editor de Prince solicitou a todos os servizos de streaming a retirada do seu catálogo. Atendemos tal petición e esperamos recuperar a súa música en canto sexa posible”.
A relación de Prince coa Internet sempre foi moi polémica, e incluso resístese a figurar en YouTube (servizo ao que chegou a denunciar por facer uso da súa música sen autorización), onde actualmente só ten unha canción de xeito oficial (Breakfast Can Wait), borrou todos os contidos da súa efémera conta de Twitter e incluso presentou moita resistencia a vender a súa música a través da Internet. Queda agora por ver se estamos ante unha arroutada máis do príncipe de Minneapolis ou dunha decisión de calado que poidan seguir outros artistas.

PUBLICIDADE